O presidente de Irlanda cuestiona a falta de crítica ao Imperio Británico

Michael Daniel Higgins considera que hai unha "amnesia finxida" neste asunto.
President_Higgins's_visit_FINIRISH_BATT_HQ,_Lebanon_(cropped)
photo_camera O presidente de Irlanda, Michael Daniel Higgins (Foto: Goberno de Irlanda)

O presidente de Irlanda, Michael Daniel Higgins, considera que tanto os expertos académicos como os xornalistas sofren dunha "amnesia finxida" a respecto do imperialismo británico e do seu legado.

Faino nunha columna publicada polo xornal inglés The Guardian, onde critica ─sen dar nomes─ a actitude de medios e universidades por miraren cara a outro lado á hora de falar do impacto que en Irlanda e no resto do mundo tivo o colonialismo.

"Unha amnesia finxida arredor dos aspectos incómodos da nosa historia compartida non nos axudará a forxar un mellor futuro xuntos", sinalou, contrastando a desmemoria do Reino Unido coas reflexións realizadas por Irlanda sobre a guerra de independencia (1919-1921) e a partición da illa hai un século.

O xefe de Estado irlandés ─un cargo cerimonial─ cre que ignorar "as sombras sobre o noso pasado compartido" é parte dunha resistencia máis ampla a abordar o legado imperial. Di estar "pasmado"pola "pouca disposición" mostrada tanto plo xornalismo como pola academia a criticar o imperialismo.

"A apertura e a disposición a tratar e criticar o nacionalismo semella que foi maior. E en tanto que foi vital para os nosos obxectivos en Irlanda examinar o nacionalismo [no sentido de 'chauvinismo' que o termo ten en inglés e en toda Europa], facer o mesmo co imperialismo é igualmente importante e ten un sentido que vai moito máis alá das relacións británico-irlandesas".

Punto e aparte

O artigo ─previo a un seminario sobre imperialismo que Higgins organiza o 25 de febreiro─ marca un punto e aparte na súa traxectoria.

Foi un dos principais promotores da reconciliación entre Londres e Dublín; en 2014 foi o primeiro presidente de Irlanda en intervir no Parlamento británico; e o pasado decembro pediu aos irlandeses non estigmatizaren os británicos polo Brexit e o seu impacto en Irlanda do Norte.

Comentarios