Todo o que precisas saber se viaxas a Portugal: Test negativo en Covid ou certificado de vacinación para entrar en restaurantes e hoteis

Portugal exixe desde este sábado, 10 de xullo, un test en Covid-19 negativo ou o certificado de vacinación a todas as persoas que se aloxen en calquera hotel. Unha obriga que se estende, durante as fins de semana, aos restaurantes de máis de 60 municipios, que son os que contan cunha incidencia superior aos 120 casos por cada 100.000 habitantes.

Terrazas en Porto (Rita Franca / Europa Press)
photo_camera Terrazas en Porto (Rita Franca / Europa Press)

O Consello de Ministros da quinta feira, 8 de xullo, do Goberno de António Costa aprobou novas restricións para tratar de atallar o incremento de casos de Covid-19, entre elas, a obrigatoriedade de presentar un certificado de vacinación ou un test para poder aloxarse en hoteis e outros estabelecementos de todo Portugal. Unha medida que tamén será de obrigado cumprimento nos restaurantes -tanto no interior como nas terrazas- dos municipios coa incidencia máis alta.

Podo entrar ou saír de Lisboa na fin de semana?

Si, a prohibición de entrar ou saír da capital deixan de estar en vigor.

Hai toque de recoller?

Si, mais nos 60 concellos en risco alto ou moi alto. O recoller obrigatorio abrangue de 23 horas a 5 horas todos os días da semana.

Que acontece cos restaurantes?

Nos concellos de risco alto ou moi alto exíxese un test negativo na Covid -unha PCR realizada 72 horas antes ou un test de antíxenos realizado nas 48 horas anteriores- ou un certificado de vacinación para consumir no interior. Quedan exentas as crianzas menores de 12 anos. Esta medida aplicarase desde as 19 horas da sexta feira até as 22.30 horas do domingo.

E cos hoteis?

Haberá que presentar un test negativo en Covid-19 -unha PCR realizada 72 horas antes ou un test de antíxenos realizado nas 48 horas anteriores- ou o certificado de vacinación no momento de se rexistrar. Quedan exentas as crianzas menores de 12 anos. Esta medida afecta aos estabelecementos de todo o país e non só aos que se atopen nos municipios de maior incidencia.

Cales son os concellos afectados?

En risco elevado atópanse Braga, Matosinhos, Paredes de Coura, Vila Nova de Gaia, Albergaria-a-Velha, Alenquer, Aveiro, Azambuja, Bombarral, Cartaxo, Constância, Ílhavo, Lagoa, Óbidos, Palmela, Portimão, Rio Maior, Salvaterra de Magos, Santarém, Setúbal, Sines, Torres Vedras, Trancoso, Trofa, Viana do Alentejo, Vila Nova de Famalicão e Viseu.

En risco moi elevado, Albufeira, Almada, Alcochete, Amadora, Arruda dos Vinhos Barreiro, Cascais, Lagos, Lisboa, Loulé, Loures, Lourinhã, Mafra, Mira, Moita, Montijo, Mourão, Nazaré, Odivelas, Oeiras, Olhão, Porto, Santo Tirso, São Brás de Alportel, Seixal, Sesimbra, Silves, Sintra, Sobral de Monte Agraço, Vagos e Vila Franca de Xira.

Haberá multas se non cumprir?

Quen non cumpra as novas normas enfrontarase a unha sanción económica de até 500 euros. No caso das persoas propietarias dos estabelecementos, podería chegar até os 10.000.

Comentarios