Alerta volcánica nos Açores: Portugal prepárase para evacuar a poboación

Sismos rexistrados en São Jorge nos últimos días (Infografía: Instituto Português do Mar e da Atmosfera).
As autoridades recomendan ás persoas máis vulnerábeis que abandonen a illa de São Jorge, onde se rexistraron varios centos de terremotos de pequena escala desde o pasado sábado que provocaron unha "posibilidade real" de erupción volcánica.

Os xornais portugueses fanse eco nesta quinta feira do crecente risco de erupción volcánica na illa de São Jorge, no arquipélago dos Açores.

Segundo recolle Público, o presidente Goberno dos Açores, José Manuel Bolieiro, deu orde de artellar un dispositivo de evacuación da illa. "Temos tudo preparado. O Serviço Regional de Protecçao Civil, o Civisa [Centro de Informação e Vigilância Sismo-Vulcânica]... Temos todas as forças preparadas", dixo.

O Civisa, informa Jornal de Notícias, notificou "vários sismos sentidos pela população" nos últimos días; perto de 2.000, segundo as autoridades. "Desde as 22 horas do dia 22 de março até às 10 horas [hora local] de dia 23 de março foram sentidos 20 sismos", sostén nun comunicado.

Os terremotos, até o de agora, tiveron unha magnitude baixa na escala de Richter, que oscilou entre 1,6 e 2,7 —isto é, foron "micro" ou "moi pequenos" sismos—, mais foron percibidos con "intensidade máxima" de entre 3 e 4, segundo a escala de Mercalli —hai até doce categorías—.

Mais non só preocupan os sismos ás autoridades lusas. Esta cuarta feira o Civisa alertaba dun risco de nivel 4 —de cinco posíbeis— de que se produza en São Jorge unha erupción volcánica; isto é, unha "posibilidade real".

No caso de se producir esa catástrofe natural, as autoridades están preparadas para lanzar unha alerta de evacuación a través "da rádio local, das redes sociais das entidades competentes e também através dos sinos das igrejas".

En consecuencia, o Goberno insta as persoas "com maiores vulnerabilidades" da principal zona afectada da illa, o municipio das Velas, que abandonen as súas casas.