Análise

Petro opta a ser o primeiro presidente de esquerdas da historia de Colombia

Mobilización a prol de Gustavo Petro. (Foto: Europa Press)
Non é esaxerado afirmar que as eleccións presidenciais deste domingo en Colombia teñen unha enorme transcendencia interna e externa.

Internamente porque o que se dilucida vai moito máis alá da elección da Presidencia e a Vicepresidencia, para bater de pleno na conformación do poder político e a súa correlación partidaria mantida inalterábel desde a independencia. Externamente porque, dado o peso demográfico, económico e xeopolítico de Colombia en Latinoamérica, o resultado final pode dar un forte pulo á presencia de opcións progresistas nos Gobernos do continente.

Maña terá lugar a primeira volta da elección, que será única de algunha candidatura obter a maioría absoluta. De non ser así, a votación definitiva realizarase o 19 de xuño entre as dúas máis votadas.

Un ambiente electoral aparentemente calmo, non consigue ocultar a tensión soterrada que emerxe facilmente cando conversas con dirixentes sociais e persoas con proxección política pública.

A desconfianza na limpeza do sistema informático centralizado de cómputo dos sufraxios, xerada pola "desaparición" duns 600.000 votos nas eleccións lexislativas de marzo, medra día a día. Medio millón dos votos "faltantes" eran para as candidaturas do Pacto Histórico, opción que aglutina a totalidade das forzas políticas de esquerda. Corrixido o "erro" por mor das numerosas reclamacións, o novo reparto supuxo cinco representantes máis para esa coalición electoral.

Gustavo Petro e Francia Márquez, de Pacto Histórico. (Foto; Europa Press)

Non axuda a baixar a desconfianza a renuncia, anunciada antonte, a unha auditoría internacional externa de todo o proceso informático utilizado en marzo, sistema e procedementos informáticos que serán novamente usados este domingo. A maiores, un certo número de observadoras e observadores internacionais foron vetados polo Goberno e hai problemas tamén para miles de interventoras e interventores do Pacto Histórico aos que onte pola tarde aínda non lles foi recoñecida tal condición polo organismo público de control electoral.

A posibilidade real de que un candidato da esquerda poida chegar a presidir a República produce pánico na elite política que gobernou sempre en Colombia

Pánico nas elites pola posíbel vitoria da esquerda

A posibilidade real de que un candidato da esquerda poida chegar a presidir a República produce pánico na elite política que gobernou sempre en Colombia. O discurso apocalíptico alertando das terríbeis consecuencias da vitoria do "castrochavismo" que colocase Gustavo Petro na Presidencia e a Francia Márquez na Vicepresidencia é unha constante na práctica totalidade dos medios de comunicación.

Admitíase desde o inicio da longuísima campaña electoral que a disputa ía estar polarizada entre a o pacto da esquerda e o continuísmo de extrema dereita representada pola coalición Equipo por Colombia, apoiada entusiasticamente polo poder económico, con Fico Gutiérrez como presidente e Rodrigo Lara na Vicepresidencia. Candidatura moi grata ás Igrexas Evanxélicas máis fortes e influentes; apoio este que foi decisivo na vitoria do 'non' no referendo para a probación do Acordo de Paz entre o goberno e as FARC e na elección do actual presidente Iván Duque.

Coalición Centro Esperanza, terceira candidatura con opción inicial de pasar á segunda volta, acabou convertida en irrelevante. Todas as demais propostas partían sen opción desde o principio. 

Porén, unha Colombia que parece estar espertando dun pasado de pesadelos, mudou as previsións. O estancamento de Equipo por Colombia en 20% da intención de voto mentres Petro-Francia escalan até 42% fixo saltar as alarmas. O pánico é tal que nas tres últimas semanas os medios lanzáronse a potenciar un candidato alternativo independente, non menos neoliberal que Fico Gutiérrez, como contrincante con máis opcións de gañar nunha segunda volta.

O uribismo en declive

En escasos 20 días, Rodolfo Hernández e Marelen Castillo, candidatura da Liga de Gobernantes Anticorrupción, pasaron de ser residuais nas enquisas a empatar e mesmo superar a candidatura uribista. Desaparecidos da loita presidencial os partidos liberal e conservador (non así do poder Lexislativo), pode que o domingo tamén desapareza o uribismo, xa moi debilitado nas eleccións lexislativas de marzo.

Estrategas e ideólogos ancorados desde sempre nas esferas do poder, consideraron a última hora que Fico, candidato que representa "máis do mesmo", non era útil para vencer á candidatura do cambio económico, social e político. Aposta arriscada de urxencia que se vaticina de resultado incerto.

O empresario investigado por corrupción, Rodolfo Hernández, candidato da Liga de Gobernantes Anticorrupción. (Foto: Europa Press)

O merlo branco de última hora, Rodolfo Hernández, empresario da construción de 77 anos, centra a campaña na loita contra a corrupción. Esperpéntico nun home que está pendente de xuízo acusado de corrupción durante o seu mandato como alcalde en Bucaramanga; que declara "se votan por min non me importa que sexan corruptos, homosexuais ou negros"; que cando se lle pregunta "Vostede cre na muller dirixindo cousas, gobernando?", responde: "Non, é bo que ela apoie desde a casa. A muller metida no Goberno, iso á xente non lle gusta"; que considera que os sindicatos teñen a culpa do atraso económico e que, coherentemente, nunca permitiu sindicatos nas súas empresas ou que mentres estivo na Alcaldía nin recoñeceu nin negociou absolutamente nada cos representantes sindicais.

 

Moncho G. Boán. Observador internacional nas eleccións de Colombia.