Perto de 30 identificados polo asasinato do presidente haitiano Jovenel Moise

Unha manifestación contra o que era presidente haitiano Jovenel Moise. (Foto: Richard Tson-Taatarii / Zuma Press / Contactophot)
En medio da crise do país, que vén de incrementarse nos últimos días, continúan as investigacións sobre quen puido encargar o crime. As autoridades pensan que os dous americanos e os 26 colombianos arrestados, aínda coa presunción de inocencia, tiveron que ser contratados para matar Moise. Ante o descontrol, Haití pide a intervención de tropas da ONU e dos EUA.

A situación de crise en Haití após do asasinato do seu presidente, Jovenel Moise, segue a complicarse. Após deter a 28 persoas supostamente relacionadas co crime, desde o Estado solicitan á Organización das Nacións Unidas que envíe tropas militares para evitar posíbeis atentados. As autoridades do país pensan que as persoas mercenarias tamén poderían estar contratadas para atentar contra infraestruturas básicas.

O pobo haitiano demanda axuda á comunidade internacional, sexa a través da ONU ou nunha actuación dos EUA, para controlar posíbeis ataques a puntos estratéxicos como os aeroportos e os portos.

Neste sentido, demandan o envío de militares para axudar após a crise que desatou o asasinato de Moise, que non fai máis que acrecentar os problemas nun lugar no que nin tan sequera está en marcha a vacinación contra o coronavirus.

"Os mercenarios poderían destruír algunha infraestrutura", incidiu o ministro de eleccións, que aínda non obtivo unha resposta da ONU pero si do Executivo estadounidense, que vai enviar efectivos do FBI.

O mandatario fala de mercenarios porque, após identificadas 28 persoas pola posíbel vinculación coa morte de Jovenel Moise nunha acción armado contra a súa residencia -dous americanos e 26 colombianos, algúns deles fuxidos, segundo informou a canle 24 horas de RTVE este sábado, malia que outros medios fornecen outras cifras de implicados- dáse por feito que o asasinato foi un encargo e os agresores cumprían ordes.

De feito, as forzas de seguridade traballan cos seus medios para dar coa persoa ou persoas que encargaron matar o presidente.

Con independencia de que se intente esclarecer o suceso, o magnicidio levou a dúas vertentes a loitar como cargo de primeiro ministro que está en xogo entre pero de momento a inseguridade e a inquedanza da poboación son as que están a mandar no día a día do país. A situación política é complexa xa que Moise tiña nomeado Ariel Henry como novo primeiro ministro antes da súa morte, pero o seu predecesor Claude Joseph mantense no cargo após declarar o estado de sitio.