xoves 15/04/21

Pedro Sánchez nomea Yolanda Díaz vicepresidenta terceira do Goberno español

O presidente Pedro Sánchez agradeceu a Pablo Iglesias o traballo realizado porque "pese ás diferentes visións” dos seus partidos sempre prevaleceu a “responsabilidade”.

A ministra de Traballo, Yolanda Díaz (Foto: Congreso)
A ministra de Traballo, Yolanda Díaz (Foto: Congreso)

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, confirmou esta terza feira, 30 de marzo, os cambios xa previstos no Executivo tras a saída de Pablo Iglesias e nomeou vicepresidenta terceira Yolanda Díaz -que segue á fronte do Ministerio de Traballo-, ascendeu á Vicepresidencia segunda Nadia Calviño e fixo ministra de Dereitos Sociais a Ione Belarra.

Sánchez subliñou o que se trata dun Goberno feminista. Co nomeamento de Díaz son catro as vicepresidentas do Executivo, que suma unha muller máis como ministra ao nomear Ione Belarra como titular de Dereitos Sociais e Axenda 2030.

Desta forma, as catro vicepresidentas do Goberno pasan a ser mulleres, algo que Pedro Sánchez destacou, deixando claro que o seu Executivo é o sexto do mundo que ten maior proporción de mulleres e o cuarto dentro da Unión Europea.

Cando Pablo Iglesias informou de que renunciaría como vicepresidente segundo e ministro de Axenda Social para encabezar a candidatura de Unidas Podemos á Presidencia de Madrid nas eleccións autonómicas do próximo 4 de maio, o líder de Unidas Podemos propuxo que Yolanda Díaz o substituise na Vicepresidencia segunda do Executivo, mantendo a carteira de Traballo, e que Ione Belarra asumise Dereitos Sociais.

Mais o PSOE viu incompatíbel a Vicepresidencia segunda con Traballo con base na actual estrutura do Goberno. Sánchez tería dado a escoller que Yolanda Díaz fose vicepresidenta segunda e ministra de Dereitos Sociais ou ben seguir en Traballo e asumir a Vicepresidencia terceira, e que Nadia Calviño, ministra de Economía se fixese coa Vicepresidencia segunda. E esta segunda opción foi a que se acordou xa o pasado 16 de marzo e hoxe se formalizou.

Co nomeamento de Díaz é a primeira vez que o Partido Comunista de España (PCE), nos seus 100 anos de historia, logra ter unha militante na Vicepresidencia dun Executivo español que, neste caso, como galega, é tamén integrante do Partido Comunista de Galicia. Con todo, nos últimos tempos Díaz non participa da vida interna do partido e en 2019 causou baixa de Izquierda Unida a causa de, segundo transcendeu tempo despois, diferenzas coa dirección federal.

Ao coller a Vicepresidencia, Díaz asume tamén o liderado de Unidas Podemos no Executivo que até o de agora mantiña Iglesias. Antes de partillaren Goberno ambos traballaron xuntos na Galiza, cando Iglesias asesorou Alternativa Galega de Esquerdas nas eleccións galegas de 2012, nas que Díaz foi candidata xunto a Xosé Manuel Beiras.

comentarios