A participación nas presidencias de Portugal era de 45,5% ás 17 horas

António José Seguro e André Ventura concorren en segunda volta ás eleccións presidenciais de Portugal o 8 de febreiro. (Foto: Europa Press / Contacto / Diogo Baptista)
A afluencia a votar é a mesma que na primeira volta.

A participación nas eleccións presidencias de Portugal que decorren este domingo é de 45,5% ás 16 horas (17 horas na Galiza), igual á da primeira volta á mesma hora, 45,51%.

Se ás 12 horas o ritmo de votación superaba o obtido na primeira volta – 23,35% contra 21,18% –, agora rexístrase unha mingua da participación electoral.

Aínda así, o nivel de afluência encamíñase para superar o valor obtido na elección presidencial na que Marcelo Rebelo de Sousa venceu, en 2016 (49%), e supera xa o valor verificado na reelección do actual Presidente da República, en 2021 (39%).

Con máis de 31% dos votos, o candidato apoiado polo Partido Socialista (PS) e ex secretario xeral da formación, António José Seguro, foi o gañador da primeira volta das eleccións presidenciais portuguesas o pasado 18 de xaneiro. Este domingo enfrontouse ao candidato apoiado polo Chega e líder dese partido, o ultradereitista André Ventura, que ficou en segunda posición con algo máis de 23,5% dos sufraxios.

Portugal votou co plan nacional de emerxencia activado polos efectos da cadea de borrascas que castigaron o país as dúas últimas semanas, con 68 municipios en estado de calamidade.

Varios concellos xa fixeron uso da prerrogativa legal que lles permite, ante o imposíbel de asegurar o correcto acceso ao voto a todos os seus veciños, aprazar a votación nos seus municipios unha semana. É dicir, que polo menos 3 municipios votarán o 15 de febreiro.