Son o gas natural e a nuclear enerxías 'verdes'? Velaquí a proposta da Unión Europea

Central nuclear de Ascó, en Tarragona. (Foto: Europa Press)
A Eurocámara apoia a iniciativa da Comisión Europea de incluír estas dúas fontes enerxéticas no marco da estratexia contra o cambio climático, polo que, de forma transitoria, apoiará os investimentos privados nos próximos anos.

O pleno do Parlamento europeo deu o visto bo esta cuarta feira á proposta da Comisión Europea de incluír actividades específicas de gas natural e enerxía nuclear, "baixo certas condicións", na súa listaxe de actividades económicas "ambientalmente sostíbeis".

Pasarán a ser consideradas, deste modo, enerxías 'verdes', entendendo Bruxelas que o investimento privado nestas actividades "ten un papel na transición ecolóxica", se ben esta consideración ten un límite de tempo e requisitos específicos.

E obterán a cualificación de tecnoloxías "de transición", isto é, aquelas que non poden ser substituídas aínda por outras fontes enerxéticas baixas en emisións e cunha maior sustentabilidade.

Os proxectos nucleares serán considerados 'verdes' até 2045; os de gas, até 2030

No caso da enerxía nuclear, só se considerarán 'verdes' os proxectos que se aproben antes de 2045, mentres o prazo para o gas remataría en menos dunha década, en concreto no ano 2030.

Na sesión votouse unha resolución que instaba a rexeitar esta proposta, debido á oposición recente en dúas comisións parlamentarias —de Medio Ambiente e Economía—, que avogaron por tombala cun voto negativo conxunto.

Mais, finalmente, foron máis as e os eurodeputados (328) que se pronunciaron cos seus votos en contra desa resolución —e, polo tanto, a prol da medida promovida pola Comisión Europea— que os que a apoiaron (278). Houbo, aliás, 33 abstencións.

Porén, após esta votación a proposta non adquire aínda a condición de lei en firme, pois sería rexeitada no caso de que, cando menos, 20 dos 27 estados membro da Unión Europea decidisen oporse, algo que se antolla pouco probábel.