Xustiza

A parella de Ayuso defraudou Facenda de forma "deliberada": que se sabe do caso?

Alberto González Amador tamén tratou de vender vacinas a África a prezos elevados.
Isabel Díaz Ayuso, a segunda feira. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera Isabel Díaz Ayuso, a segunda feira. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

O servizo xurídico da Axencia Tributaria española incidiu en que “a conduta descuberta non é froito dun mero erro senón dunha conduta consciente, deliberada e claramente dolosa, que merece o seu reproche penal”, en alusión á trama de facturas falsas emitidas por empresas pantalla que permitiu a Alberto González Amador, parella de Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid polo Partido Popular (PP), defraudar 350.000 euros a Facenda nas declaracións fiscais dos anos 2020 e 2021, recolleron a segunda feira medios estatais.

No informe, o organismo detalla como González, após facerse con dous millóns de euros en comisións pola venda de máscaras durante a pandemia de Covid-19, intentou deducirse “gastos irreais e ficticios” con “facturas que non se corresponden con servizos realmente prestados”, como admitiu o sospeitoso e unha das súas empresas.

Unha das facturas falsas, de 922.000 euros, respondía a unha venda falsa de vacinas a Costa de Marfil, unha operación que tratou de efectuar ofrecendo cinco veces o prezo de custo do preparado de AstraZeneca.

A parella da presidenta madrileña efectuou unha tentativa de regularizar a débeda en diferido “tras comprobar que a inspección non admitía as explicacións e xustificacións dadas”, algo que a Axencia Tributaria tivo que rexeitar posto que “esta forma de regularizar non resulta tributariamente correcta”.

Ayuso, que chegara a afirmar que era Facenda quen debía 600.000 euros a González antes de facerse público que confesara á Fiscalía a súa responsabilidade na fraude, insistiu en que se están a usar “todos os poderes do Estado” para atacala, e rexeitou aclarar se coñecía previamente a confesión.

Ayuso minimiza as ameazas a unha xornalista

Ao respecto das ameazas do seu xefe de Gabinete, Miguel Ángel Rodríguez, a unha xornalista de elDiario.es -xornal que destapou o caso- que non participou na cobertura do asunto, advertindo que “ímosvos triturar, ides ter que fechar”, Ayuso minimizou os feitos, cuestionando se “agora tampouco nos podemos enfadar con xente de confianza porque todo se filtra”.

A Federación de Asociacións de Xornalistas do Estado español, a Asociación da prensa de Madrid ou integrantes do Executivo estatal demandaron a destitución de Rodríguez. O mesmo fixo a principal forza de oposición do territorio, Más Madrid, que rexistrou unha petición para que o lexislativo reclame o seu despedimento.

Comentarios