Hamás, Fatah e outras organizacións palestinas acordan traballar pola "unidade nacional" e rematar coa "división"

Mahmud Abbas, presidente da Autoridade Palestina; Abdelmadjid Tebboune, presidente de Alxeria, e Ismail Haniyeh, dirixente de Hamás. (Foto: Presidencia de Palestina)
14 entidades asinan en Alxeria un documento con nove obxectivos para lograr a "unidade" dentro do movemento palestino e facer fronte "á violencia de Israel". Buscan tamén a convocatoria de eleccións no prazo dun ano e a formación dun Goberno que poña fin ás leas internas.

Representantes de 14 organizacións palestinas asinaron esta quinta feira en Alxer (Alxeria) un documento "de reconciliación", bautizado como Declaración de Alxer, que ten por obxectivo dar pulo á "unidade nacional" e "rematar coa división" na política palestina.

O documento foi asinado en presenza do presidente alxerino, Abdelmadjid Tebboune, impulsor da iniciativa, e participaron, entre outras entidades, Hamás e Fatah. Parte da "firme convicción" de que a situación actual que atravesa o movemento palestino "favorece o statu quo e alimenta o fracaso do proceso de paz en Oriente Medio".

Esta declaración integra nove puntos para lograr esa "reconciliación" entre as diferentes sensibilidades. O primeiro deles busca "permitir que todos [os organismos asinantes] se adhiran á Organización para a Liberación de Palestina (OLP), único representante lexítimo do pobo palestino". Fatah é o principal activo desta organización, na que, porén, non están integrados Hamás nin a Xihad Islámica.

Outra das metas reflectidas neste documento é a convocatoria de eleccións presidenciais e lexislativas no prazo dun ano en Gaza, actualmente dirixida por Hamás; Cisxordania, gobernada por Fatah, e Xerusalén Leste, controlado hoxe polo Estado israelí.

O acordo chegou após dúas xornadas de negociacións e é froito do encontro, o pasado 5 de setembro, entre o presidente alxerino Tebboune e o seu homólogo na Autoridade Palestina, Mahmoud Abbas. Previamente, en xullo, reuníranse tamén con Ismail Haniyeh, de Hamás.

Porén, a declaración non agrada por completo todas as formacións representadas. Esta mesma sexta feira, unha das asinantes, a Fronte Democrática para a Liberación de Palestina (FDLP) acusou Hamás e Fatah de eliminar do texto a cláusula que recollía a constitución dun Goberno "de unidade nacional" en Palestina.

O obxectivo deste Executivo nacente sería "reunificar" as institucións palestinas e "adoptar unha estratexia combativa para apoiar a resistencia do pobo palestino fronte á ocupación israelí e a súa violencia".