Ayuso racha con Ciudadanos e o futuro de Madrid fica no ar

Isabel Díaz Ayuso disolveu esta cuarta feira a Cámara madrileña para adiantar as eleccións ao 4 de maio, tremendo por un hipotético pacto entre Cs e o PSOE. Após admitir a Mesa da Asemblea as mocións de censura rexistradas por Más Madrid e as socialistas, o conflito podería acabar nos tribunais.
A presidenta da CAM, Isabel Díaz Ayuso, onte, anunciando o adianto electoral en compaña da conselleira de Presidencia, Eugenia Carballedo, e o titular de Xustiza e Interior, Enrique López (Foto: A. Ortega / Europa Press).
photo_camera A presidenta da CAM, Isabel Díaz Ayuso, esta cuarta feira, anunciando o adianto electoral. (Foto: A. Ortega / Europa Press).

Todo comezou en Murcia. Após coñecer o acontecido na Rexión e co temor dunha réplica na Comunidade Autónoma de Madrid (CAM), a presidenta, Isabel Díaz Ayuso, convocou os medios para anunciar a disolución das Cortes, o cesamento dos conselleiros do seu Goberno adscritos a Ciudadanos e a convocatoria de eleccións para o 4 de maio.

"Madrid precisa un Goberno estábel, ideas claras e sentido de Estado, e nas circunstancias actuais non se pode asegurar", xustificou Díaz Ayuso, a fin de evitar unha hipotética alianza entre Cs e o PSOE en Madrid que o vicepresidente da CAM e líder laranxa, Ignacio Aguado, negou: "As e os madrileños non merecen pagar a corrupción do PP en Murcia, e nada ten que ver esa situación coa nosa", expuxo.

"A presidenta rachou o acordo de goberno de forma unilateral, o que supón a maior irresponsabilidade que cometeu desde que hai un ano e medio asumiu o cargo. Moitos cidadáns vían neste Goberno unha boa maneira de facer política, e Ayuso, por un capricho persoal, bota todo por terra. Perdeu a cabeza", engadiu, molesto, Aguado. A popular, porén, insistiu no adianto electoral como ferramenta para "permitir que Madrid manteña a súa liberdade fronte ao socialismo".

A oposición move ficha

Díaz Ayuso pretendía, con esta manobra, evitar que prosperasen as mocións de censura que uns intres antes presentaran na Asemblea tanto o PSOE como Más Madrid para derrocar o Goberno, "como xa fixeran no Estado (canda a fin da presidencia de Mariano Raxoi)". Por un momento, a incerteza sobrevoou o territorio madrileño: que prevalece, a moción de censura ou a disolución das Cortes?

Nun principio, a Mesa da Asemblea de Madrid admitiu a trámite ambas as mocións, cos votos a favor de PSOE e Cs (Más Madrid non ten representación neste órgano), o que paralizaría a disolución da Cámara. Porén, a Comunidade de Madrid deu por concluída a lexislatura e alertou que, se a Mesa "trata de impedir a disolución disposta no decreto (asinado por Díaz Ayuso), estaría prevaricando ao non acatala".

A raíz desta polémica, que podería acabar nos tribunais, será preciso esclarecer se o decreto entra en vigor no momento de ser asinado ou, pola contra, como aseguran desde as forzas da oposición, non ten efectos até a súa publicación no Boletín Oficial da CAM (ás 00.00 horas de hoxe). Porén, todo parece indicar que primará a convocatoria electoral por ter sido anunciada unha hora antes.

'Efecto dominó'

A mediodía, o PSOE de Castela e León presentou unha moción de censura contra o Goberno de PP e Cs neste territorio, apenas uns intres despois de que ambos os partidos fechasen filas e instasen as socialistas a "abandonaren toda esperanza".

Tamén en Andalucía o Goberno de coalición asegurou gozar dunha "espléndida saúde", desbotando a posibilidade de repetir o acontecido en Murcia e Madrid.

Cs e PSOE apartan o PP dos gobernos rexional e local de Murcia

A primeira hora da mañá desta cuarta feira Ciudadanos puña fin aos pactos de goberno co PP na Rexión, o concello da capital murciana e outros catro municipios (Caravaca, Ceutí, Fuente Álamo e Pliego), a través da presentación de senllas mocións de censura en conivencia co PSOE.

"Non podemos gobernar cun partido que contrata espías e interpón querelas contra os seus socios. O cambio en Murcia é necesario e imprescindíbel", expuxo a coordinadora rexional de Cs e vicepresidenta do Executivo, Ana Martínez, en alusión á recente investigación aberta no seo do propio Goberno para esclarecer a vacinación irregular de cargos públicos populares como o conselleiro de Saúde, Manuel Villegas, que foi obrigado a dimitir. "O cambio chegou após anos de oscuridade, falta de transparencia e intercambios de favores", engadiu o secretario xeral socialista, Diego Conesa.

Pola súa banda, o presidente murciano, Fernando López Miras, acusou a formación laranxa de procurar o poder "a calquera prezo", e asegurou que gobernará "até o derradeiro minuto". De prosperar a moción, Cs, terceira forza en escanos na Asemblea da Rexión, lideraría un Goberno de coalición co PSOE para pór fin a 26 anos de mandato do PP.

Comentarios