venres 10.07.2020

Outras vidas que tamén importan

Un neno negro en Rio, un kurdo en Ankara e un palestino en Xerusalén. Ao ronsel das fortes protestas desencadeadas nos Estados Unidos pola morte do cidadán negro George Floyd durante o seu arresto pola Policía, nos últimos días producíronse manifestacións contra o racismo en todo o mundo. Nalgunhas, como no Brasil, en Turquía ou en Israel, conectan con casos propios.

Unha muller na cidade de Nova York durante as recentes manifestacións pola morte de George Floyd (Joel Marklund / Bildbyrån)
Unha muller na cidade de Nova York durante as recentes manifestacións pola morte de George Floyd (Joel Marklund / Bildbyrån)

"A inxustiza en calquera parte é unha ameaza á xustiza en todas partes". Con estas palabras de Martin Luther King resumía Giran Ozcan, dirixente do Partido Democrático dos Pobos (HDP, nas siglas en turco polas que é coñecido esta formación política pro-kurda) as mortes de cariz racista das últimas semanas. Nos Estados Unidos, mais tamén noutros países. 

No seu, Turquía, esta semana foron arrestadas tres persoas acusadas de acoitelar o mozo de 20 anos Barış Çakan, segundo informou a axencia de noticias local Bianet. Çakan foi asasinado o pasado domingo nun parque da capital turca, Ankara. A familia asegura que o ataque se produciu porque el mais un amigo estaban a escoitar música kurda, aínda que despois rectificou.

A fiscalía encargada da investigación emitiu unha nota asegurando que o incidente realmente "comezou despois de chamaren a atención [Çakan e o seu acompañante] aos sospeitosos por escoitaren música alta nun coche molestando cando as chamadas a oración estaban a ser recitadas". Ademais, pediu á cidadanía "non dar creto ás entradas manipuladoras" nas redes sociais. 

O asasinato provocou ─na web─ unha vaga de protestas e de acusacións de discriminación en Turquía pola maltrato a minorías étnicas como a kurda. A cuestión racial late neste caso e a carraxe vai en aumento despois de que nas últimas horas un amigo e un achegado de Çakan manifestaran que a familia recibira presións para modificar a primeira versión.  

Baixo o epígrafe #BarisCakan, numerosas persoas escribiron en Twitter mensaxes de solidariedade, algunhas acompañadas por temas musicais kurdos. E, en xeral, son constantes as comparacións coa morte de George Floyd nos Estados Unidos. Mais tamén coa de Iyad Hallak. 

Palestina

Hallak, palestino de 32 anos, morreu o pasado sábado na Cidade vella de Xerusalén polos disparos da Policía israelí cando se encontraba a poucos metros da escola de educación especial onde acudía diariamente. 

Segundo informa Haaretz, esta semana o ministerio de Defensa de Israel viuse na obriga de emitir unha inusual nota de desculpa ante o aumento das protestas da cidadanía israelí e palestina. Tamén polas comparacións coa morte de Floyd. "As vidas dos palestinos importan" ─parafraseando a estadounidense "Black lives matter"─ líase nos sinais das manifestacións desenvolvidas nos últimos días en Xerusalén e Tel Aviv. Tamén "Xustiza para Iyad, xustiza para George".

A Policía argumentou que perseguira a Iyad Hallak porque portaba "un obxecto sospeitoso que semellaba unha pistola", e que disparou porque non atendera á orden de alto. Hallak tiña autismo e o obxecto sospeitoso resultou ser un teléfono móbil.

Brasil

As protestas pola morte de George Floyd atravesaron fronteiras e estendéronse polo mundo, especialmente polos países onde o racismo institucionalizado continúa a ser un grave problema. É o caso do Canadá, en Norteamérica, ou de Alemaña, Francia ou os Países Baixos, en Europa, con concorridas manifestacións pacíficas nos últimos días.

En América Latina, "Vidas negras importam" ou "Parem de nos matar" son os lemas das que se desenvolven no Brasil. Nas favelas de Rio de Janeiro, 177 persoas morreron só en abril pola acción da Policía na guerra contra o narcotráfico. Centos de persoas concentráronse estes días pedindo a fin das mortes indiscriminadas. 

Nomeadamente a de João Pedro Mattos Pinto, de 14 anos, que morreu o 18 de maio tras recibir un disparo no peito durante unha operación policial cando estaba dentro da casa de seus tíos, nunha favela do Complexo do Salgueiro, en Rio. Segundo as últimas informacións, a vivenda recibiu 70 impactos de bala.

O meniño foi trasladado a un hospital e as autoridades mantiveron sen información a familia, que case un día despois encontrou o corpo, cando xa lle estaban a practicar a autopsia.

João Pedro estivo moi presente na manifestación do domingo en Rio. A Policía, informou O Globo, presentouse para, por causa da pandemia, manter a distancia física. Tras unha hora disolveu a concentración con pelotas de goma e outros elementos antidisturbios. Os medios captaron ademais a imaxe dun axente apuntando á cabeza dun manifestante, desarmado, cos brazos abertos.

comentarios