Orfos pola Covid-19 na India acaban vendidos en internet

As autoridades alertan das adopcións ilegais a través de anuncios en redes sociais como WhatsApp.
india_savethechildren
photo_camera Antes da crise sanitaria xa había 20 millóns de crianzas orfas (Foto: Save the Children)

"Se es coñecedor dalgunha crianza que perdese ambos os dous proxenitores debido á Covid e non ten ninguén que coide del/dela, informa a Policía ou o Comité do Benestar das Crianzas do teu distrito ou contacta coa liña de teléfono do menor 1098. É a túa responsabilidade legal", alertaba esta semana en Twitter a ministra india do Desenvolvemento da Muller e das Crianzas, Smriti Irani.

A advertencia chega despois de que neste país do sueste asiático, devastado pola crise sanitaria provocada pola pandemia, se multipliquen os casos de nenas e nenos que vagan sós polas cidades. As autoridades manifestaron a súa preocupación logo de detectar que están a ser "vendidos" a través das redes sociais como WhatsApp.

Nunha serie de entradas no Twitter, a ministra Irani lembrou que "é ilegal dar ou acoller menores orfos en adopción", advertindo que se deben seguir os procesos legais. "En caso contrario, os menores poden ser obxecto de tráfico en nome da adopción", sinalou.

Segundo as estimacións, na India xa había arredor de 20 millóns de nenas e nenos orfos antes desta vaga. Unha cifra que está a medrar aceleradamente nos últimos días debido á expansión da Covid. 

"Pedimos aos familiares desas crianzas que nos avisen destas situacións para que lles poidamos facilitar todo tipo de axuda", sinalou Yashomati Thakur, homóloga de Irani no Estado de Maharashtra, en declaracións a The Hindustan Times.

Dificultades económicas

As dificultades económicas para se facer cargo dos pequenos e tamén o medo ao contaxio fai que, segundo explican os medios indios, os seus familiares en ocasións non poidan ou non queiran responsabilizarse deles. Algo que está a ser aproveitado para o xurdimento vías de adopción ilegal na India. É dicir, a cambio de diñeiro.

"Algunhas persoas poden ter recorrido consciente ou inconscientemente a formas ilegais de adopción, mais non será tolerado. A crianza destes menores implica cuestións legais e psicolóxicas que necesitan ser xestionadas de maneira adecuada", explicou Thakur.

O fío aberto por Smriti Irani en Twitter recolle varios destes anuncios de adopción que circulan polas redes sociais, apelando á compaixón, mais que, segundo as autoridades, acaban sendo unha transacción económica. Un acto de tráfico de menores. 

Comentarios