A ONU denuncia que o sistema de reparto de alimentos imposto por Israel en Gaza “custa máis vidas das que salva”

Desde o 27 de maio, cando comezou a operar o novo modelo de distribución de axuda imposto por Israel, que obriga os gazatís a desprazarse quilómetros para tentar lograr alimento, cruzando áreas de combate, máis de 400 palestinos morreron en ataques israelís  perto destes puntos.
EuropaPress_6814817_june_21_2025_gaza_city_gaza_strip_palestinian_territory_palestinians_mourn
Isareal asasinou na mañá do sábado 11 persoas que estaban nas 'colas da fame'.(Foto: Omar Ashtawy / Zuma Press / Europa Press)

O xefe da Axencia de Nacións Unidas para os refuxiados palestinos (Unrwa), Philippe Lazzarini, denunciou este sábado que o “así chamado mecanismo de axuda” estadounidense-israelí para a poboación da faixa de Gaza “custa máis vidas das que salva”.

“En Gaza está a matarse de fame a dous millóns de persoas. O ‘mecanismo de axuda’ recentemente creado é unha abominación que humilla e degrada a xente desesperada. É unha trampa mortal”, dixo Lazzarini.

“A comida convértese en arma e deshumanízase aos palestinos”, dixo o xefe da Unrwa nun discurso durante a cimeira da Organización para a Cooperación Islámica (OCI), que se desenvolve esta fin de semana en Istambul.

Israel prohibiu en xaneiro as actividades da Unrwa e en maio aprobou a distribución de axuda por parte da denominada Fundación Humanitaria de Gaza, empresa que funciona á marxe da ONU e cuxas forzas de vixilancia dispararon contra os palestinos que acudían a recoller paquetes de comida.

Neste sentido, no mínimo 18 persoas morreron este sábado nos últimos ataques do exército israelí contra a faixa de Gaza, incluídos 11 palestinos que agardaban a entrega de alimento perto de dous puntos militarizados de distribución operados pola entidade privada Fundación Humanitaria para Gaza, que opera á marxe de Nacións Unidas e conta co respaldo de Israel e EE UU.

Desde o 27 de maio, cando comezou a operar este novo modelo de distribución de axuda, que obriga os gazatís a desprazarse quilómetros para tentar lograr alimento, cruzando áreas de combate, máis de 400 palestinos morreron en ataques perto destes puntos.

Por iso, axencias da ONU e outras organizacións humanitarias xa describen este mecanismo como “unha trampa mortal” para unha poboación civil famenta e piden que Israel abra os cruzamentos fronteirizos e permita a entrada en masa de axuda.

Polo menos 55.908 persoas morreron na franxa de Gaza desde que se iniciou a ofensiva israelí o 7 de outubro de 2023, segundo o último balance ofrecido este sábado polo Ministerio de Sanidade gazatí

Comentarios