A ONU alerta antes da COP28 da diminución do financiamento climático ao tempo que aumentan as necesidades

Danos en Portsmouth (Reino Unido) hoxe pola tormenta Ciarán. (Foto: Andrew Matthews / PA Wire / DPA)
Máis dun millón de casas sen electricidade en Francia por unha tormenta.

Malia que as necesidades de financiamento para a adaptación ao cambio climático son “no mínimo 50%” maiores que anteriores estimacións, os fondos dirixidos a este ámbito nos países en desenvolvemento reducíronse cando menos 15% desde 2021, revela un informe do Programa da Organización das Nacións Unidas (ONU) para o Medio Ambiente publicado hoxe.

Todo isto no medio do compromiso dos países con máis recursos económicos de entregar cada ano 94.000 millóns de euros aos Estados en vías de desenvolvemento, e que nunca se chegou a cumprir.

Déficit de financiamento

O documento, difundido antes de que o 30 de novembro comece en Dubai, nos Emiratos Árabes Unidos, a 28ª Conferencia da ONU sobre o Cambio Climático (COP28), salienta que o déficit de financiamento para adaptación ao quecemento global é de entre 181.000 e 343.000 millóns de euros anuais, lembrando que neste ano se superaron todos os récords de temperatura global.

Nos países en desenvolvemento, as necesidades de financiamento superan entre 10 e 18 veces os fondos internacionais dispoñíbeis.

Amais, asociacións médicas que representan 46,3 millóns de profesionais da saúde en todo o mundo reclaman que na COP28 se asine un compromiso para eliminar os combustíbeis fósiles de forma “acelerada, xusta e equitativa”.

Tormenta Ciarán

O cambio climático tamén está a multiplicar os fenómenos meteorolóxicos extremos. En Francia, a tormenta Ciarán acabou coa vida dunha persoa e deixou 1,2 millóns de fogares sen electricidade hoxe, logo de ventos que alcanzaron os 180 km por hora na costa atlántica, antes de chegar ao Reino Unido e provocar múltiples inundacións.