A Organización Mundial da Saúde (OMS) comunicou esta cuarta feira que está a analizar unha nova variante do coronavirus, bautizada como cepa Mu, que foi detectada en Colombia en xaneiro de 2021. A institución recoñece que a estas alturas xa se notificaron casos en diferentes estados de Sudamérica e en Europa.
A variante Mu, segundo se explicou hoxe, "ten unha constelación de mutacións que indican propiedades potenciais de escape inmunológico". De feito, os datos preliminares presentados ao Grupo de Traballo sobre a Evolución do Virus amosan unha redución da capacidade de neutralización das vacinas e das persoas vacinadas, similar á observada na variante Beta, aínda que a OMS avisa de que isto debe ser confirmado por outros estudos.
Malia que a prevalencia nos casos secuenciados diminuíu e actualmente está por baixo do 0,1%, a organización avisou de que a prevalencia en Colombia (39%) e #Ecuador (13%) aumentou sistematicamente.
"Necesítanse máis estudos para comprender as características fenotípicas e clínicas desta variante", detallou o organismo.
Agardar pola terceira dose
Por outra parte, o seu director xeral, Tedros Adhanom Ghebreyesus, demandou a nivel mundial que non se inocule de forma globalizada a dose de reforzo da vacina naquelas persoas que non padecen enfermidades.
A meta é que "os países de baixos ingresos se poñan ao día, xa que millóns de persoas en todo o mundo aínda non recibiron a primeira dose", xustificou.
"A terceira dose pode ser necesaria para as persoas de maior risco, cando hai evidencia de diminución da inmunidade contra a enfermidade grave Covid-19 e a morte, como o pequeno grupo de persoa inmunodeprimidas que non responderon suficientemente ás doses iniciais, ou xa non están a producir anticorpos, pero non queremos que se xeneralice a persoas totalmente vacinadas", remarcou o representante da OMS, preocupado pola desigualdade para acceder aos fármacos segundo os estados.