Obxectivo: segunda guerra civil nos EUA

Está formado por retallos diversos, que van desde os grupos neonazis aos libertarios de dereitas, cunha meta común: o colapso do Goberno e do sistema a través dunha guerra civil. Son os 'boogaloo boys', que gañaron presenza coas protestas contra o racismo. Dous dos seus membros acaban de ser acusados de colaborar con Hamas.
boogaloo_anthony-crider_cc
photo_camera Varios 'boogaloo boys' na protesta que tivo lugar en Richmond, Virginia, no mes de xaneiro contra a lexislación para o control de armas (Anthony Crider / CC)

"Caballero ahí acaba de entrar Watusi, ese mulato que mide siete pies y pesa 169 libras. Y cuando ese mulato llega al lugar todo el mundo dice: a correr que ahí llego Watusi, el hombre mas guapo de La Habana". Así comeza El Watusi, de Ray Barretto, un dos máis populares temas de boogaloo, o ritmo latino nacido nos EUA a mediados da década de 1960 da mistura de ritmos afrocubanos e de soul e blues estadounidense, nomeadamente o boogie-woogie.

Boogaloo, palabra que unha vez representou a fusión de pobos e de culturas, agora ilustra un novo movemento de extrema dereita en auxe desde o inicio das protestas contra o racismo tras a morte de George Floyd. A apropiación deste nome ten máis ingredientes paradoxais: os seus integrantes 'inspiráronse' sarcasticamente no filme de serie B Breakin' 2: Electric Boogaloo, onde un grupo de breakdancers negros tenta evitar, bailando, o derrubo dun centro social.

Alén de aspectos folclóricos, a súa expansión comeza a ser preocupante, sinalan as autoridades estadounidenses, que nas últimas horas detiveron dous dos seus integrantes "por conspiración e intento de prover de axuda material a unha organización terrorista estranxeira". Esta organización sería o movemento islámico palestino Hamas. 

E preocupa a súa expansión, inciden os expertos, máis aínda na recta final dun proceso electoral, os comicios presidenciais de novembro, fortemente polarizado e marcado como nunca desde hai décadas polas tensións raciais.

Floyd, catalizador

O pasado 29 de maio, catro días despois do falecemento de Floyd, mentres unha marcha pacífica percorría as rúas de Oakland, en California, dous axentes da Policía sufriron un ataque con metralladoras ás portas dos xulgados que gardaban. Un destes faleceu. Desde os medios máis próximos aos postulados conservadores acusouse de estar detrás dos ataques o movemento Antifa, grupo heteroxéneo de organizacións anarquistas e de esquerda radical, moi activo durante as recentes protestas.

Mais unha semana despois a Policía detivo o principal sospeitoso, Steven Carrillo, un sarxento da Forza Aérea responsábel do escuadrón Phoenix Ravens, que se encarga de protexer instalacións militares de ataques terroristas. Segundo os investigadores, Carrillo e o seu cómplice facían parte dos boogaloo, amalgama de libertarios de dereitas, de supremacistas brancos e de defensores do dereito a portar armas en preparación dunha segunda guerra civil nos EUA, que arelan, a recorrente "Civil War 2: Electric Boogaloo", que citan humoristicamente. 

Segundo explican desde o Southern Poverty Law Center ─ONG de defensa dos dereitos civís que combate nos xulgados os grupos racistas─, o movemento nace a comezos de 2019 en 4chan, un popular foro de imaxes en internet que ─relata The Atlantic─ xa dera a luz en 2008 o colectivo de hackers libertarios de esquerdas Anonymous, e tamén fora semente da autodenominada alt-right. 

Dúas correntes internas

Fortemente armados, esteticamente identifícanse polas camisas hawaianas que visten, outro chiste privado saído do foro de 4chan tras a corrupción da palabra boogaloo, convertida en big luau (big, por "grande" en inglés, e luau, polo nome da tradicional festa hawaiana). Unha prenda que, xunto o ton humorístico que rodea a evolución do movemento, lles fixo gañar notoriedade nos medios e atractivo entre a mocidade.

O director do Instituto Nacional de Investigación e Educación en Dereitos Humanos, Devin Burghart, explicaba recentemente no xornal USA Today que, a grandes trazos, hai dúas correntes dentro do movemento boogaloo. Por unha banda, estarían os grupos de neonazis e supremacistas brancos que procuran unha guerra racial nos EUA. Estes serían os boogaloo boys orixinarios. 

Pola outra, estarían os libertarios de dereitas ─principalmente os que portan armas pesadas e visten as camisas hawaianas─, que se unen ás protestas de Black Lives Matter con pancartas contra a Policía e o Goberno. De feito, tres dos seus autoproclamados membros ─os tres ex militares─ foron detidos e acusados de "terrorismo doméstico" no mes de xuño en Las Vegas por alentaren a violencia durante as marchas.

Ambas as dúas pólas converxen nun mesmo tronco: a caída do Goberno, o colapso do sistema e o inicio dunha guerra civil que, di Burghart, "cren que solucionará todos os problemas dos EUA". 

Neste sentido explícase a suposta colaboración con Hamas. Mañá está prevista a vista ante o xuíz dos dous detidos ─de 30 e 22 anos─ que, segundo a fiscalía, "ao pensar que compartían o mesmo desexo de prexudicar os EUA, trataron de unir forzas e prestarse apoio mutuo".

Comentarios