Tres novas variantes da Covid-19 xa circulan por territorio portugués

Un estudo realizado polo Instituto Nacional de Saúde Ricardo Jorge (INSA) e o Instituto Gulbenkian de Ciência (IGC) indica que hai múltiples variantes do virus que non teñen relación coas atopadas no Reino Unido e Sudáfrica. 
Un home con máscara pasea por Lisboa (PEDRO FIUZA / ZUMA PRESS / CONTACTOPHOTO).
photo_camera Un home con máscara pasea por Lisboa (Foto: Pedro Fiuza / Zuma Press / Contactophoto).

A Covid-19 tivo varias mutacións nestes meses e nos últimos días preocupa a aparición de novas cepas que teñan unha maior capacidade de contaxio ente a poboación. Un estudo sobre diversidade xenética do coronavirus realizado en Portugal detectou que nese país xa circulan tres variantes diferentes. A investigación fixérona entre o Instituto Nacional de Saúde Ricardo Jorge (INSA) e o Instituto Gulbenkian de Ciência (IGC) e o seu resultado indica  a súa presenza en todo o territorio continental dese país. 

Segundo informa o xornal portugués Público, o Estudo da diversidade genética do novo coronavírus SARS-CoV-2 (Covid-19) en Portugal suxire que estas variantes poden ser as responsábeis da segunda vaga epidémica. Ademais apuntan nel que é "normal" que após un ano da aparición do virus xurdan cepas novas, adiantando que "non serán as últimas". 

As e os responsábeis do estudo analizan agora as razóns da maior transmisibilidade do virus. Cuestionan, en todo caso, que sexa máis perigosa. O aumento de casos en Portugal explícano por estas variantes xenéticas con maior capacidade de transmisión. 

No estudo confirmouse, tamén, que unha das mutacións xurdiu no Estado español hai xa algúns meses e diseminouse por toda Europa a gran velocidade. Esa variante está agora en 70% das mostras analizadas na investigación. Segundo o relatorio do estudo, divulgado nesta quarta feira, analizáronse até a data, 2234 secuencias do genoma que provoca a Covid-19 recollidas e 68 laboratorios, hospitais, institucións, representando 199 concellos de Portugal.

Do total de mostras secuenciadas non se atopou ningunha coa combinación de mutacións da variante que está a circular na actualidade no Reino Unido ou polas variantes asociadas a surtos na Dinamarca.

A nova cepa sudafricana chega ao Reino Unido

Segundo informan as autoridades do Reino Unido, a nova cepa do coronavirus de Sudáfrica xa está presente no seu territorio. En concreto aseguran que hai dous casos, postos xa en corentena, en persoas que estiveran de viaxe nese país africano hai unhas semanas.

Por ese motivo aumentaron as restricións diante do que consideran unha variante máis contaxiosa que a nova cepa que apareceu no sur de Inglaterra. O ministro de Saúde, Matt Hancock, pediu "illarse" se tiveron contacto con alguén que estivera nese país, segundo informa a BBC.

Comentarios