Como protesto pola elección de Trump

Nobel de Literatura abandona residencia en Estados Unidos


O escritor nixeriano e premio Nobel de Literatura Wole Soyinka anunciou que deitou no lixo o seu permiso de residencia permanente en Estados Unidos tras o triunfo de Donald Trump. 

Wole Soyinka.
photo_camera Wole Soyinka.

Wole Soyinka foi un dos máis de 376.000 nixerianos que viven en Estados Unidos, segundo cifras do 2015 facilitadas polo  Instituto de Políticas de Migración, con sede en Washington, até que decidiu desfacerse do seu permiso de residencia.

Soyinka,  verdadeira icona da literatura africana e a grande figura da oposición durante as ditaduras militares en Nixeria, que xa ameazara con tomar esa medida en caso de vitoria do candidato republicano, por mor das súas declaracións sobre a inmigración, confirmou a semana pasada a varias axencias de noticias que tirara o seu permiso de residencia en Estados Unidos tras a elección de Donald Trump para a Casa Branca. 

"Fixen o que dixen que faría”, dixo o escritor en Johannesburgo, nunha conferencia sobre  educación.

"Cando acabei os meus cursos na Universidade tirei co permiso e voltei para me instalar en Nixeria de forma definitiva"

Reaccións nas redes

A decisión provocou moita reacción nas redes sociais e o premio Nobel reaccionou enerxicamente contra os ataques na súa contra  por declarar que botara ao lixo o seu permiso de residencia permanente en Estados Unidos tras a elección de Trump.


“Non quero que a xente pola que loitei para defender a liberdade de expresión a utilice para facer comentarios estúpidos” dixo este luns en Lagos aos xornalistas convidados a unha discusión no Parque da Liberdade, unha antiga prisión para os escravos agora transformada nun lugar para promover a liberdade de expresión.

“O día da  toma de posesión de Trump, vou estar de loito. Pero, saben por que será o meu loito? Lamentarei a morte do sentido común en Nixeria”


A noticia gañou os titulares dos xornais nixerianos, provocando un animado debate en Twitter. 

Algúns dos seus críticos acúsano de estar desconectado da realidade dos 180 millóns de nixerianos, para quen Estados Unidos segue a  ser un paraíso para continuar os estudos superiores ou para ser atendidos en boas condicións, en comparación a un país onde a electricidade escasea e o sistema universitario está en quebra.

“Non teño ningunha dificultade en recibir críticas. Os meus alumnos pregúntanme  regularmente sobre as miñas ideas”, dixo o escritor a un xornalista local, que lle preguntou se a súa reacción se debía a que esta é a primeira vez en que as súas palabras eran cuestionadas por moitas persoas da sociedade nixeriana. 


A onda de críticas prodúcese en momentos en que o actual presidente Muhammadu Buhari perdeu grande parte da súa popularidade, sobre todo debido á súa xestión da economía e á seguridade do país, a un ano e medio de chegar ao poder e a que manifestou o seu apoia ao ex militar durante a campaña electoral sen que, até agora, expresase un cambio de opinión.

Comentarios