luns 01/03/21

Ninguén quere renunciar ao poder nuclear

Ningún Estado con armamento nuclear nin ningún Estado parte dunha alianza militar con membros posuidores de armamento nuclear, como é a OTAN, apoiaron o Tratado de Prohibición de Armas Nucleares que onte entrou en vigor. A teoría da disuasión e da "destrución mutua asegurada" seguen a primar na seguridade global. 
tratado_nuclear
A ICAN, galardoada en 2017 co Premio Nobel da Paz, foi a organización que máis puxou polo TPNW (Foto: ICAN)

"Abandonar a nosa capacidade disuasoria sen ningunha garantía de que outros farán o mesmo é unha opción perigosa", afirmaba o pasado mes de novembro Jens Stoltenberg, e engadía: "Un mundo onde Rusia, a China, Corea do Norte e outros teñen armas nucleares, mais a OTAN non, non é un mundo máis seguro".

O secretario xeral da Alianza Atlántica facía referencia ao Tratado de Prohibición de Armas Nucleares (TPNW, nas siglas en inglés) que acababa de ser ratificado días antes, o 24 de outubro. Stoltenberg considera que non ten en conta a realidade do mundo e da seguridade global.   

O TPNW, que entrou onte finalmente en vigor, foi aprobado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 7 de xullo de 2017, co voto favorábel de 122 países, e foi aberto á súa sinatura a partir de 20 de setembro dese mesmo ano. 

En total, son 51 os Estados que xa o ratificaron e, polo tanto, están suxeitos ao seu cumprimento. Isto é, non poden "baixo ningunha circunstancia desenvolver, probar, producir, manufacturar ou por outro lado adquirir, posuír ou almacenar armas nucleares ou outros artefactos explosivos nucleares".

O tratado ─o primeiro no dereito internacional que prohibe explicitamente o armamento nuclear─ tamén obriga a "previr e eliminar calquera actividade prohibida polo TPNW levada a cabo por individuos ou no territorio baixo a súa xurisdición ou control". 

"Décadas de activismo lograron o que moitos crían imposíbel: as armas nucleares foron prohibidas", sinalaron desde a Campaña Internacional para Abolir as Armas Nucleares (ICAN), a coalición da sociedade civil que máis puxou por el e que foi galardoada en 2017 co premio Nobel da Paz.

E o secretario xeral da ONU, António Guterres, afirmou onte que "as armas nucleares supón un perigo crecente, e o mundo necesita unha acción urxente para asegurar a súa eliminación e previr as consecuencias catastróficas a nivel humano e ambiental que calquera uso causaría". Asegurou que o desarmamento nuclear é capital para a ONU e chamou "a todos os Estados a traballar xuntos para facer realidade esta ambición de avanzar na protección común e na seguridade colectiva".

Porén, malia esta apelación global, os principais protagonistas ─os países que posúen armamento nuclear─ non se dan por aludidos. Na votación de 2017, EUA, Reino Unido, Francia e Rusia estaban entre os 38 países que votaron en contra do TPNW. Tamén Israel, sobre o que ninguén dubida na comunidade internacional que tamén as ten aínda que oficialmente non o declare. E China, India e Paquistán abstivéronse.

Entre os 51 que o votaron, asinaron e ratificaron están países como Nixeria, Suráfrica, México, Cuba, Bangladesh, Cidade do Vaticano, Nova Zelandia, Palestina, Uruguai ou Vietnam. E só tres membros da UE: Austria, Irlanda e Malta. Onte, 90 días despois de se atinxir a cifra mínima de 50 países coa ratificación de Honduras, o TPNW entrou en vigor; e a pesar das presións a algúns países por parte dos EUA para que desen marcha atrás. 

MAD

Ningún Estado con armamento nuclear apoiou o tratado. Tampouco ningún parte dunha alianza militar, como a OTAN. Séguese o principio exposto por Stoltenberg e que vén marcando a política internacional desde que ao final da Segunda Guerra Mundial, hai 75 anos, o armamento nuclear fose usado por vez primeira: a teoría da disuasión.

Este concepto da seguridade global nas relacións internacionais defínese como "o uso de ameazas por unha parte para convencer a outra de absterse de iniciar algún tipo de acción". Isto é, ben para previr un ataque armado contra o territorio propio ben para previlo noutro territorio. 

A teoría da disuasión foi preminente no contexto da Guerra Fría entre os EUA e a URSS, coa ameaza dunha guerra nuclear, e deu pé á estratexia militar coñecida co acrónimo en inglés MAD ("tolo") que se corresponde coas siglas de Mutual Assured Destruction ("destrución mutua asegurada"). 

A MAD predí un escenario de devastación absoluta por ambas as partes implicadas en caso de que algunha lance un ataque nuclear. Os seus defensores cren que evitou a temida guerra nuclear entre as dúas superpotencias. Os seus críticos consideran que levou a unha carreira armamentística e á proliferación de armas nucleares actual que pon o mundo ao bordo dunha catástrofe. De forma voluntaria ou por accidente. 

Biden pedirá unha extensión de cinco anos do tratado nuclear entre Washington e Moscova

En agosto de 2009 caducou o Tratado sobre Forzas Nucleares de Rango Intermedio (INF), un acordo asinado entre os EUA e a URSS en decembro de 1987 para eliminar os mísiles cun alcance limitado ─os mesmos que provocaron a Crise dos mísiles en Cuba de outubro de 1962─. O acordo, que eliminaba os proxectís en solo europeo, non se anovou entre acusacións mutuas de Washington e Moscova. 

Agora, coa entrada de Biden na Casa Branca, os EUA queren que isto non volva pasar co Novo START (acrónimo en inglés de Tratado de Redución de Armas Estratéxicas), asinado entre os dous países en abril de 2010 e que limita a cada un a non máis de 1.550 cabezas nucleares e 700 lanzadeiras e bombardeiros. O Novo  START expira o 5 de febreiro. Nunha das súas primeiras e máis importantes decisións a nivel internacional, o Goberno de  Biden acaba de anunciar que buscará unha ampliación de cinco anos. "O Novo START vai no interese da seguridade nacional dos EUA. E esta extensión fai mesmo máis sentido cando a relación con Rusia é de antagonismo", sinalou a súa xefa de prensa.

comentarios