O soberanismo e a esquerda estudan vías para investigar a Casa Real

O rei Juan Carlos sae da casa da Infanta Elena, en Madrid, na pasada sexta feira, 13 de marzo (Europa Press)

Acordaron unir forzas no Congreso para encontrar fórmulas efectivas que permitan abrir unha investigación sobre a fortuna do rei emérito Juan Carlos.

Partidos nacionalistas e independentistas e formacións da esquerda de ámbito estatal acordaron unir forzas no Congreso para encontrar fórmulas efectivas que permitan abrir unha investigación sobre a fortuna do rei emérito Juan Carlos I e sobre as demais noticias publicadas nos últimos días sobre a Casa Real, segundo anunciou Gabriel Rufián tras conversar cos portavoces das citadas formacións.

O portavoz de ERC no Congreso informou aos medios de comunicación que durante as últimas horas mantivera conversas cos portavoces de JxCat, CUP, Unidas Podemos, EH Bildu, PNV, Más País e BNG. Neste sentido, o deputado e voceiro parlamentario da formación nacionalista galega en Madrid, Néstor Rego, informou de que se sumaría á proposta para que non se bloquee a comisión de investigación, xa que entende que o comunicado da Casa Real confirma as informacións aparecidas "dunha extrema gravidade".

O domingo, tras coñecer o comunicado de Felipe VI no que anunciaba que renuncia a toda herdanza que lle puidese deixar o seu pai e que retiraba ao rei emérito a asignación oficial que viña recibindo até o de agora, Rufián xa anunciara que tiña previsto pórse en contacto co resto de partidos do Congreso para coordinar as súas actuacións e lograr que se poña fin á "impunidade" que, ao seu xuízo, veu gozando o anterior xefe do Estado.

"Sucesora do franquismo"

Nun comunicado difundido aos medios, Rufián sinala que "o anuncio de Felipe de Borbón é unha confesión en toda regra e unha total emenda á Coroa", mais non é suficiente. "Non basta coa renuncia individual á herdanza. Hai que investigar a orixe do diñeiro, os negocios e obviamente depurar a responsabilidade até as últimas consecuencias", defende Rufián.

Neste contexto, fixo un chamamento aos partidos que se definen como constitucionalistas: "Nunca antes se presentara unha oportunidade para que o autochamado constitucionalismo demostre o de que todos somos iguais ante a lei". Ademais, denunciou que a monarquía española "bebe do legado franquista e da inmunidade que isto lle proporciona".

"A Coroa é a institución designada como sucesora do franquismo. É unha institución opaca, invulnerábel e inviolábel ante a xustiza, algo que rompe o principio constitucional de igualdade dos cidadáns", subliñou Rufián.

O PSOE oponse

A iniciativa chega unha semana despois de que a Mesa da Cámara, seguindo o criterio dos letrados, tombase unha comisión de investigación grazas ao PSOE, que votou canda o PP e Vox.

Tras coñecer as decisións adoptadas este domingo polo rei Felipe VI, desde o PSOE avanzaron que non pensan cambiar de criterio nesta cuestión, na que sempre apoiaron as recomendacións dos servizos xurídicos do Congreso.