Mulleres do mundo marcharon polo Sáhara Occidental con representación galega nos campamentos saharauís
Durante a semana de actividades, a representación galega puido reunirse con organizacións de mulleres, defensoras de dereitos humanos, responsábeis institucionais e familias saharauís, coñecendo de primeira man a realidade do pobo saharauí tras medio século de ocupación e refuxio.
As rúas do Campamento de Dajla recibiron a IV Marcha da Plataforma Internacional de Mulleres polo Sáhara Occidental, Pimso, coa participación de delegacións de África, Europa e América Latina. Por primeira vez participou nesta manifestación unha comitiva de mulleres provenientes dos territorios ocupados por Marrocos. Esta acción realízase desde 2022 e, nesta oportunidade, estivo enmarcada nos 50 anos de resistencia do pobo saharauí pola súa autodeterminación.
A programación iniciouse o 1 de decembro e incluíu visitas a centros educativos, culturais, de saúde, de organizacións políticas, de dereitos humanos e de mulleres situadas nos distintos campamentos do refuxio. A axenda fechouse o sábado 6 de decembro cun acto de despedida encabezado por Brahim Gali, presidente da República Árabe Saharauí Democrática (RASD).
"Volvedes aos vosos países cargados de vontade, determinación, firmeza de apoio e acompañamento a este pobo na súa longa loita", dixo o presidente saharauí Brahim Gali na despedida das distintas delegacións presentes. E agregou: "Antes de abrirvos as nosas casas, abrímosvos os nosos corazóns. Esa é a esencia e sempre vos consideramos parte da familia”.
Pola súa parte, Suelma Beiruk, Ministra de Asuntos Sociais e Promoción da Muller da RASD, destacou que o obxectivo da Pimso é acompañar a loita do pobo saharauí –en especial a loita das mulleres– rompendo o bloqueo que existe e levando a súa voz a instancias internacionais.
A lectura do Manifesto final da IV Marcha estivo a cargo de Mariam Bendiba, presidenta da Unión Nacional de Mulleres Alxerinas do Sur de Alxeria; Nebija Mohamed Ahmed, activista dos Territorios Ocupados; Marilin Dos Santos, responsábel de Feminismos de Podemos; Dayana López, integrante da Plataforma Latinoamericana e Caribeña de Solidariedade co Pobo Saharauí (Placso), Sara Salmani, antropóloga alemá da Pimso, e Jdeiya Bachir, técnica de Igualdade do Ministerio de Asuntos Sociais e Promoción da muller da RASD.
Unha ponte con Galicia: levar a voz das mulleres saharauís á sociedade galega
Este ano a Marcha contou coa presenza de representación da asociación galega Agasps (Asociación Galega de Solidaridade co Pobo Saharauí), cuxa participación tivo un papel central: estabelecer ligazóns directas coas mulleres saharauís -tanto dos territorios ocupados como dos campamentos de refuxiados- para levar a súa voz, os seus testemuños e as súas demandas de xustiza á Galiza.
Durante a semana de actividades, a representación galega puido reunirse con organizacións de mulleres, defensoras de dereitos humanos, responsábeis institucionais e familias saharauís, coñecendo de primeira man a realidade do pobo saharauí tras medio século de ocupación e refuxio.
A delegación subliñou que regresa á Galiza co compromiso de fortalecer a solidariedade histórica entre o pobo galego e o pobo saharauí, impulsando accións de sensibilización social, iniciativas culturais e colaboracións municipais que contribúan a romper o bloqueo informativo e político sobre a situación do Sahara Occidental.
A presenza galega na IV Marcha forma parte dunha crecente rede de apoio internacional articulada desde a Pimso, que busca tecer alianzas feministas e decoloniais entre territorios que comparten valores de resistencia, xustiza social e defensa dos dereitos colectivos.
Manifesto da IV Marcha Internacional de Mulleres polo Sáhara Occidental:
Hoxe, desde os campamentos saharauís, queremos felicitarvos e honrar ás mulleres saharauís. Ás que resisten baixo a represión nos territorios ocupados, ás que sosteñen a vida nos campamentos e ás que na diáspora loitan pola supervivencia das súas familias e pola dignidade do seu pobo.
Durante 50 anos fostes o sostén da vida, dos coidados e da resistencia; as responsables de que un pobo enteiro manteña viva a súa organización, a súa memoria e o seu proxecto de liberdade, demostrando que a dignidade, cando está sostida polas mulleres, nunca se rende. Pero mentres celebramos a vosa forza, denunciamos con claridade que o pobo saharauí leva 50 anos sometido á ocupación e ao incumprimento sistemático da legalidade, e que a comunidade internacional é cómplice polo seu silencio e polo seu apoio directo ou indirecto ás políticas colonialistas e á ocupación ilegal do Sáhara Occidental por parte de Marrocos.
Queremos lanzar luz sobre as desaparicións, a represión, a situación dos presos políticos, a violencia psicolóxica e sexual que sofren especialmente as mulleres saharauís nos territorios ocupados, e o espolio continuado dos recursos naturais do Sáhara Occidental que alimenta e financia esa ocupación.
E sinalamos como culpables: ao Consello de Seguridade de Nacións Unidas, á Unión Europea e ao Goberno español. O Sáhara Occidental e Marrocos son territorios distintos e separados, e só o pobo saharauí pode decidir sobre a súa terra e o seu futuro.
Mulleres de todo o mundo, presentes na PIMSO, dicímoslle ás mulleres saharauís, alto e claro: non estades soas. Xa decidistes e imos acompañarvos e defender esa decisión ata que se cumpra. A nosa voz únese á vosa porque a vosa loita tamén é a nosa. E xuntas, unímonos a todas as mulleres do mundo que sofren o colonialismo en todas as súas formas, o supremacismo e o patriarcado, en Palestina, Sudán, Congo e en todos os territorios ocupados onde as mulleres resisten, coidan, loitan e sobreviven fronte á violencia colonial.
Hoxe, nesta IV Marcha de Mulleres polo Sáhara Occidental, 50 anos despois, seguimos aquí e seguimos adiante. Nada nos vai a deter.
"Fronte aos 50 anos da Marcha Negra. Fronte aos 50 anos de ocupación", gritamos:
Viva a loita das mulleres saharauís!
Viva o Pobo Saharauí!
Viva a liberdade e a autodeterminación!
Sáhara horra!