Morre aos 96 anos Joan Jara, após unha vida en procura de xustiza polo asasinato do seu compañeiro, Víctor Jara

Víctor Jara e a súa muller Joan. (Foto: Nós Diario)
Joan Jara faleceu apenas dúas semanas antes de que EUA extradite a Chile o tenente en retiro do exército chileno Pedro Barrientos, condenado no país norteamericano como autor material do crime e tortura do que fora o compañeiro de Joan, o activista e cantautor Víctor Jara.

Joan Jara morreu en Santigo de Chile aos 96 anos de idade, segundo informou a familia. Joan, quen desde que en setembro de 1973 atopase o corpo mutilado do seu esposo dedicou a súa vida á procura de xustiza, faleceu apenas dúas semanas antes de que Estados Unidos extradite a Chile o tenente en retiro do exército chileno Pedro Barrientos, condenado no país norteamericano como autor material do crime e tortura do cantautor, e do director de prisións do Goberno de Salvador Allende, Littré Quiroga.

“Lamentamos informar que nosa querida e amada Joan aos seus 96 anos faleceu hoxe 12 de novembro ás 17.30 horas”, confirmou, pola súa banda, a Fundación Víctor Jara, nunha breve mensaxe.

Fontes próximas á familia indicaron que as exequias realizaranse a partir desta segunda feira, mais que aínda se “está armando o acto” que encheu todos os seus achegados de tristeza nun momento no que aparecía un raio de felicidade coa moi esperada extradición de Barrientos, pola que Joan traballou toda a súa vida.

Nada en 1927 en Londres, Joan Alison Turner de Jara, máis coñecida como Joan Jara, foi primeiro bailarina e despois activista e compañeira de Víctor Jara. Segundo a súa biografía oficial, foi unha visita a Haymarket Theatre da man da súa nai, aos 15 anos, a que a fixo namorase do baile, onde coñeceu o coreógrafo Kurt Jooss, quen descubriu as súas actividades.

Dous anos despois ingresou á recentemente aberta Escola de Danza de Sigurd Leeder, e tres máis tarde sumouse a Ballets Jooss, en Alemaña, co que actuou en Alemaña Occidental, Bélxica, Holanda, Suíza, Inglaterra, Escocia e Irlanda, e no que coñeceu o coreógrafo, bailarín e actor chileno Patricio Bunster, co que casaría.

Xa en Chile, ingresou por concurso ao Ballet Nacional Chileno, primeiro como bailarina e, posteriormente, coreógrafa. Ademais, comezou a dar clases na universidade, onde coñecería outro músico e director de teatro chamado Víctor Jara. Divorciada e cunha filla, Joan iniciou unha relación con Jara, co que tivo unha filla antes do fatídico 11 de setembro de 1973, día no que o Exército chileno, ao mando do xeneral Augusto Pinochet, deu un golpe de estado contra o Goberno democraticamente elixido do socialista Salvador Allende.

Jara, que se fixera famoso coas súas cancións de alto contido político e social, foi detido ese mesmo día na universidade e levado con miles de persoas máis ao Estadio Nacional onde foi torturado durante cinco días antes de que fose abandonado nunha zona de Santiago, mutilado e asasinado a balazos.

O 20 de setembro, Joan tivo que efectuar o recoñecemento do cadáver e, tras o enterro, debeu partir ao exilio en Gran Bretaña xunto ás súas dúas fillas, adoptando o apelido do seu marido. Non regresou a Chile ata mediados dos anos oitenta, data na que intensificou a súa actividade política e creou o Centro de Danza Espiral, clave na formación de varias xeracións de bailaríns e coreógrafos. Os seus esforzos por aclarar a morte de Víctor Jara e achar os culpábeis non comezaron a dar froitos ata 2009, ano no que foi identificado o autor material do crime.