Modi mantén o núcleo principal do Goberno indio ao comezo do seu terceiro mandato

Ábrese un período de menos estabilidade no país asiático.
O primeiro ministro N. Modi e a presidenta india, D. Murmu. (Foto: Presidencia da India)
photo_camera O primeiro ministro N. Modi e a presidenta india, D. Murmu. (Foto: Presidencia da India)

24 horas após tomar posesión para un terceiro mandato como primeiro ministro da India, Narendra Modi transmitiu a segunda feira que os cargos chave no anterior Goberno continuarán, polo que non se producirán mudanzas en Finanzas, Interior, Exteriores ou Defensa. Isto confirma que a súa formación, o Partido Popular (BJP), reterá os postos clave no Executivo logo de que o partido perdera a súa maioría absoluta no proceso electoral que rematou este mes.

Isto obrigou Modi a negociar con outros socios da súa coalición, a Alianza Nacional Democrática, para facerse co control do lexislativo, o que derivou nun Executivo que terá unha trintena de Ministerios. O propio primeiro ministro asumirá tamén o Ministerio de Persoal, Reclamacións Públicas e Pensións.

Malia a rapidez coa que foi conformado o novo Goberno, prevese que os resultados electorais e os pactos posteriores forcen Modi cando menos a mitigar a súa axenda nacionalista relixiosa, amais de abrirse unha situación máis inestábel a nivel político, con socios do Executivo susceptíbeis de cambiar de bando en calquera intre.

Comentarios