A ministra Robles comparecerá no Congreso pola espionaxe de 'Pegasus' e Puigdemont anuncia medidas legais

"O Goberno español non ten absolutamente nada que ocultar", afirma a súa portavoz, Isabel Rodríguez. Porén, Carles Puigdemont e Oriol Junqueras piden á UE que actúe "urxentemente" contra España por "violación masiva de dereitos fundamentais".
Á esquerda, reencontro entre Oriol Junqueras e Carles Puigdemont o pasado ano, en Bélxica; á dereita, a ministra Margarita Robles. (Fotos: Europa Press)
photo_camera Á esquerda, reencontro entre Oriol Junqueras e Carles Puigdemont o pasado ano, en Bélxica; á dereita, a ministra Margarita Robles. (Fotos: Europa Press)

A ministra de Política Territorial e portavoz do Goberno estatal, Isabel Rodríguez, avanzou esta terza feira que a ministra de Defensa, Margarita Robles, solicitou a súa comparecencia no Congreso para explicar aos líderes independentistas o caso de espionaxe a través do sistema Pegasus que denunciou na segunda feira o semanario The New Yorker, con base nun informe de Citizen Lab.

Así o indicou Rodríguez durante a rolda de prensa posterior ao Consello de Ministras, na que precisou que no Estado español non se espían nin se escoitan as comunicacións "salvo que estea ao amparo da lei e do dereito". Neste senso, lembrou que xa houbo dilixencias xudiciais abertas e que o Goberno sempre colaborou coa Xustiza.

"Non se poden limitar aquí os dereitos e liberdades individuais se non está ao amparo da lei e cunha resolución xudicial motivada", subliñou ao tempo que insistiu en que a información non é nova e que "o Goberno non ten nada a ver nin ten nada que ocultar".

Pola súa parte, o eurodeputado e ex president da Generalitat de Catalunya, Carles Puigdemont, e o ex vicepresidente e líder de ERC, Oriol Junqueras, anunciaron esta terza feira no Parlamento europeo que adoptarán "accións xudiciais en España, Francia, Suíza, Luxemburgo e Alemaña" polo caso de espionaxe.

Nunha rolda de prensa decorrida en Bruxelas, Puigdemont avanzou que presentarán demandas nos próximos días contra os responsábeis, a comezar pola empresa tecnolóxica NSO, nos xulgados de Barcelona, ​​mais tamén perante os tribunais doutros países da Unión Europea (UE) onde tamén se produciron os supostos ciberataques, no caso dos estados antes citados.

Aliás, pediu á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, que "actúe con urxencia" e responsabilice España do uso do programa Pegasus contra rivais políticos, o que supón unha "vulneración en masa de dereitos fundamentais".

"[O Goberno español] Ten a obriga de explicalo non só no Congreso e no Senado, senón tamén noutros ámbitos institucionais, tamén no Parlamento europeo", engadiu Junqueras.

Comentarios