Milleiros de persoas autoorganízanse en València e levan axuda ás vilas afectadas pola DINA
Despois de que desde os concellos da área metropolitana de València máis afectados polas riadas causadas pola depresión illada en niveis altos (DINA) durante a terza feira, sobre todo no sur da urbe, se denunciaran as carencias na resposta oficial e a falta de auga e comida, milleiros de persoas saíron a pé a sexta feira desde a cidade para axudalas.
A quinta feira, en vilas como Alfafar aínda non se presentaran nin bombeiros, nin militares nin equipos de rescate, namentres había persoas “convivindo con cadáveres nas súas casas”, sinalou o alcalde, Juan Ramón Adsuara. Á hora do feche desta edición estaban confirmadas 205 mortes, dúas en Castela-A Mancha, unha en Andalucía e o resto no País Valencià, concentradas maioritariamente na comarca da Horta Sud, na que viven unha parte relevante das traballadoras e traballadores dos polígonos industriais da zona.
A axencia EFE cualificou a reacción popular, cun forte peso da mocidade, de “río incesante de persoas cargadas con cubos, pas, vasoiras, fregonas, garrafas de auga e carros da compra até os topes de alimentos” que se dirixía á pasarela peonil que cruza o novo leito do río Túria cara á pedanía de La Torre e os municipios de Sedaví, Paiporta, Picanya ou o propio Alfafar logo de autoorganizarse por medio de grupos de WhatsApp ou Telegram, até o punto de que se reportou que varias persoas estaban a distribuír a circulación.
Tamén se desprazaron persoas con tractores e maquinaria pesada cara a estas vilas, e o sindicato agrario Unió Llauradora i Ramadera trasladou a súa colaboración coas tarefas de limpeza, póndose a disposición de Administracións e afectadas.
A medida que a electricidade e os servizos de comunicación foron reactivándose -15.000 aínda non tiñan a sexta electricidade e 366.000 auga potábel 24 horas antes- a veciñanza puido comezar a solicitar axuda, tanto no que atinxe a auga e comida como ferramentas e mans para comezar a limpeza da lama acumulada e reseca nas rúas e baixos que sufriron o paso da auga, pasando de centos de persoas cargando axuda na quinta feira a milleiros a sexta feira, festivo a nivel estatal.
Ademais disto a alcaldesa de Chiva, Amparo Fort, reclamou leite en po, comida triturada para bebés e persoas maiores, gasóleo, máis médicos e “algún psicólogo”, e a súa homóloga de Paiporta, Maria Isabel Albalat, apuntou aos grupos electróxenos como outra das prioridades. Neste último concello, o máis afectado con 62 falecementos confirmados, aínda a sexta transcendeu que a Garda Civil habilitou un punto para denunciar as persoas desaparecidas.
En paralelo ao agradecemento á poboación pola axuda, o departamento de Emerxencias da Generalitat pediu non desprazarse con vehículos a esas áreas posto que se “están a colapsar as vías de acceso e os servizos de emerxencia non poden acceder”.
Nese sentido, o presidente valenciano, Carlos Mazón (Partido Popular, PP), demandou directamente ás persoas que levaban axuda a pé que “volvan ás súas casas” nunha comparecencia co ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska (PSOE), advertindo de que “poden colapsar vías que necesitan os nosos efectivos” e alertando de que en caso contrario se aplicarán medidas de “tipo restritivo”.
Durante a mañá 500 militares sumáronse ás tarefas de busca, engadíndose aos 1.200 que xa estaban despregados, tras pedir Mazón axuda ao Ministerio de Defensa, unha cifra que se prevé medre en 500 o sábado. Tamén hai máis de dous mil axentes de forzas de seguridade. Porén, bombeiros forestais valencianos criticaron que están a ser infrautilizados, o que se enmarca nas denuncias pola falta de previsión e reacción tardía contra a Generalitat Valenciana, que rexeitou tamén a chegada de bombeiros de Catalunya antes de recuar.
Pola súa parte, as autoridades seguían na noite da sexta, case 72 horas despois de confirmarse que se produciran mortes, sen precisar publicamente o díxito de persoas desaparecidas, sobre as que Mazón subliñou que non hai un número “claro” e o ministro de Política Territorial, Ángel Víctor Torres, estimounas en “decenas e decenas”.
Esa estimación contrasta cos testemuños desde a zona da traxedia. En Chiva, con dez mortes confirmadas, Fort asegurou que “agardamos centenares de mortes” tras desaparecer “casas enteiras, non sabemos se con xente ou sen xente”, e remarcou que “centos de coches caeron desde a estrada” e en “moitos haberá xente dentro”. Á vez, nos medios locais multiplícanse os testemuños sobre o potencial achado de cadáveres unha vez que se bombee toda a lama de garaxes e sotos.
O certo é que a estimación ofrecida polo Goberno estatal quedou desacreditada ao filtrarse a acta da reunión entre Mazón e Marlaska, que cifra as desaparicións en 1.900.
A falta de comida, auga e outros bens esenciais tamén derivou en saqueos de supermercados nas zonas afectadas de forma xeneralizada, na contorna dos que se produciron patrullas da Garda Civil e da Policía alertando por megafonía de detencións. 64 persoas foron arrestadas nos actos de pillaxe. Non obstante, tamén se levaron a cabo saqueos nunha farmacia, unha xoguetaría ou unha xoiaría.
No tocante á evolución da DINA, a sexta feira a chuvia inundou Huelva, capital da provincia andaluza homónima, que linda con Portugal, e Mallorca (Illes Balears).
A OMM reitera o papel clave das alertas
Clare Nullis, voceira da Organización Meteorolóxica Mundial (OMM), fixo énfase a sexta feira en que sistemas eficaces de alerta por inundacións poderían axudar a evitar “o nivel de destrución” visto no País Valencià, recolleu a axencia Reuters.
Ademais das críticas á Generalitat Valenciana por non activar a alarma cando as inundacións xa eran masivas, tamén se produciron contra as empresas privadas por non permitir ás traballadoras abandonar o seu posto, e a asesoría Laboro cargou contra os principais sindicatos españois e que controlan a maioría dos comités de empresa, CCOO e UGT, pola súa conivencia coa patronal, pois a representación das e dos traballadores pode acordar paralizar a actividade se a súa seguridade está en risco, algo que non aconteceu.