A cifra de persoas desaparecidas pola DINA podería alcanzar as 1.900
O número de vítimas mortais pola DINA na provincia de Valencia aumentou até as 202. En total serían até o de agora 205 falecidos sumando os mortos en Castela A Mancha e Andalucía. Con todo, 70 corpos foron localizados e aínda non se produciu o levantamento oficial, polo que estas cifras poderían aumentar nas próximas horas.
O número de persoas falecidas como consecuencia da DINA supera xa as 200 e é de 205, segundo informaron esta sexta feira fontes gobernamentais. A cifra de persoas desaparecidas continúa sen se concretar mais as mesmas fontes falan de "moitas". O Centro de Coordinación Operativa Integrada (Cecopi) da Generalitat Valenciana —o epicentro institucional da xestión deste desastre— manexa unha cifra provisional de 1.900 desaparecidos, segundo unha acta á que tivo acceso Eldiario.es.
O número de vítimas mortais pola DINA na provincia de Valencia aumentou até as 202. En total serían até o de agora 205 falecidos sumando os mortos en Castela-A Mancha e Andalucía. A maiores, a cita acta cifra en 70 os corpos localizados cuxo levantamento oficial aínda non se puido efectuar, polo que o número de vítimas mortais da DINA podería aumentar nas vindeiras horas.
Case 48 horas despois de coñecerse que se produciran vítimas mortais e máis desde que xa eran públicos os efectos masivos das riadas no sueste do Estado español, á hora do feche a quinta feira desta edición as autoridades aínda non coñecían a cifra de persoas desaparecidas, que a ministra de Defensa, Margarita Robles, estimou en “moitas”, facendo énfase naquelas atrapadas en garaxes e sotos.
Precisamente nestes lugares foron atopadas nunhas tarefas de rescate e recuperación nas que tamén hai efectivos militares múltiples corpos, elevando o díxito confirmado de persoas falecidas a 158, 155 no País Valencià, dúas en Castela-A Mancha e unha en Andalucía, a inmensa maioría a terza feira.
O epicentro da catástrofe está situado en Paiporta, na área metropolitana de València, con como mínimo 45 mortes. Pegado a Paiporta está Alfafar. O seu alcalde, Juan Ramón Adsuara, denunciou que “non vimos un camión de bombeiros en días”, nin aos militares nin á Garda Civil, laiándose de que hai persoas “convivindo cos cadáveres na casa” e que “nos teñen esquecidos” cando “se nos está a acabar todo” e “estamos a vivir unha situación límite”.
O presidente español, Pedro Sánchez, pediu, no primeiro día de loito dos tres programados, ás e aos residentes nas provincias de València e Castelló, no centro e norte do País Valencià respectivamente, que ficasen na casa, e a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) no territorio advertiu que “a DINA [depresión illada en niveis altos] segue”.
De feito, na de Castelló producíronse inundacións a quinta, con 214 litros por metro cadrado de precipitacións en Tirig, 195 na Salzadella, 187 nas Coves de Vinromà e na contorna do centenar en Catí, Torreblanca ou Vall d’Alba.
Até o de agora, o País Valencià foi con diferenza o territorio máis prexudicado. Óscar Puente, ministro de Transportes, informou de que só nos 12 quilómetros da autovía CV-36, que une a urbe de València coa A-7, colapsaron a terza feira cinco pontes, algo que tamén aconteceu en estradas estatais. As máis afectadas foron a N-330 e a N-331, con cortes nas autovías A-3 e A-7 e na autoestrada AP-7. Cando menos un treito desta primeira autovía seguía bloqueado na mañá da quinta por ducias de camións e coches que quedaron atascados polas inundacións dous días antes. Máis de 150 vías sufriron os efectos do temporal e rexistraron cortes nestas xornadas nesas dúas provincias do País Valencià, Cádiz, Granada e Sevilla en Andalucía, Cuenca e Guadalaxara en Castela-A Mancha e Zaragoza e Teruel en Aragón.
Asemade, estimou entre dúas e tres semanas o necesario para recuperar a operatividade das liñas ferroviarias que unen València con Madrid -logo de que nun túnel cedera a cimentación e outro ficara inundado-, “nalgunhas semanas” a rede de estradas e en “moitos meses” o sistema de trens de proximidade.
O comezo a sexta feira da ponte ao tratarse dun día festivo no Estado español levou a que a Dirección Xeral de Tráfico demandara á poboación non desprazarse á provincia de València nestas datas, e incidiu en que a medida que se vaian liberando os bloqueos as estradas serán de uso prioritario para os servizos de emerxencia e garantir os bens e servizos precisos nos municipios danados. A Asociación de Transporte Internacional por Estrada, composta por empresas estatais, sostivo que 5% dos seus camións se viron afectados pola DINA.
Ademais, 67.000 vivendas seguían sen electricidade e 30.000 fogares estaban sen telefonía fixa e conexión a internet, coa telefonía móbil case restabelecida. No tocante á auga potábel 366.000 persoas non tiñan servizo, e reportáronse os esforzos das damnificadas por conseguir auga e alimentos básicos. Nese contexto as forzas de seguridade detiveron como mínimo medio centenar de persoas por presuntos actos de pillaxe en áreas afectadas.
Na provincia de València realizáronse 3.400 rescates por parte da Garda Civil, indicou a institución, ao que hai que engadir 1.080 en Andalucía, detallou o delegado do Goberno español, Pedro Fernández, con medio centenar de estradas cortadas na comunidade.
En paralelo á alerta vermella, laranxa pola tarde, en parte da provincia de Castelló, as chuvias produto da DINA proseguiron noutros puntos e as alertas da Aemet estiveron activadas tamén no centro -amarelo- do País Valencià, no sur de Catalunya e no sueste de Aragón, todos con nivel laranxa agás o norte de Tarragona e parte do interior de Castelló, en amarelo. En alerta amarela tamén estaba o suroeste do Estado, no que a única alerta laranxa era no litoral de Cádiz.
Na madrugada o organismo prevé que as áreas en alarma se vaian reducindo, coa maior preocupación posta na provincia de Huelva, situada en Andalucía e na fronteira con Portugal, e na franxa que vai desde o sur da demarcación provincial de Castelló até a de Tarragona.
Ao longo da sexta feira o foco estará tamén no sur de Huelva e mais en Mallorca, e nas primeiras horas da fin de semana haberá alertas nesta última illa e Menorca -ambas as dúas nas Illes Balears-, no sur de Catalunya e no norte do País Valencià. Á vez, en Portugal case todo o interior do país permanecía en alerta amarela -excepto no norte, ao que hai que engadir a costa nas áreas do sur, no distrito de Beja e Faro-, o que como pouco se prevía estender até a madrugada da sexta ao sábado.
Minutos de silencio
O Parlamento galego, a Xunta, a Delegación do Goberno estatal na Coruña e outras institucións no país desenvolveron a quinta feira minutos de silencio como mostra de respecto e solidariedade.
A Intersindical Valenciana pedirá "responsabilidade penal" ao Govern
Un dos elementos que levou á alta cifra de vítimas mortais foi a falta de previsión e a reacción tardía da Generalitat Valenciana, liderada por Carlos Mazón e controlada polo Partido Popular (PP), que até xullo gobernaba en coalición coa ultraespañolista Vox.
A Intersindical Valenciana anunciou que reclamará responsabilidades penais a “todos os niveis” pola “neglixencia gravísima e extrema” do seu Goberno, e convocou unha protesta cunha vintena de entidades o 9 de novembro para pedir a dimisión de Mazón, que minimizou durante a terza feira os efectos da DINA e borrou unha publicación nas redes sociais na que sostiña que pola tarde dese día amainaría en boa parte do territorio. Até as 20.12, cando as riadas estaban no apoxeo, non se avisou da alerta aos teléfonos móbiles da poboación.
Algo semellante aconteceu a quinta feira en Castelló, ás 9.36 a Aemet confirmou que partes da provincia estaban en alerta vermella, e até máis de dúas horas despois non se enviou o aviso.
A reacción de Mazón foi deixar entrever a responsabilidade do Estado nas carencias da resposta, insistindo en que “imos trasladando o que a meteoroloxía nos traslada”, e o líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, reiterou que “ao Goberno [español] non lle pediría maior colaboración, pediríalle colaboración, porque información ningunha”, asegurando que Mazón o avisara desde a segunda feira dunha situación “moi complexa”.
Ao respecto, o Ministerio de Interior lembrou que a responsabilidade dos avisos e da dirección dunha emerxencia é da Generalitat Valenciana. Finalmente, Mazón agradeceu a “colaboración” co Goberno estatal.