Os Estados Unidos anuncian que Ucraína acepta unha tregua de 30 días

Edificios atacado na rexión de Moscova o 11 de marzo de 2025. (Foto: Bai Xueqi / Xinhua News / ContactoPhoto)
Washington reactiva o fluxo de axuda e intelixencia militar a Kíiv

Tras unha reunión de máis de oito horas a terza feira en Jeddah (Arabia Saudita) entre delegacións dos Estados Unidos e Ucraína, Washington trasladou que Kíiv aceptou a súa proposta para un cesamento do fogo de 30 días na guerra con Rusia. 

O secretario de Estado do país americano, Marco Rubio, comunicou que presentarán o plan ao Kremlin, e “se din que non desafortunadamente saberemos cal é o impedimento para a paz aquí”, afirmou. Con anterioridade, Moscova rexeitara unha tregua agás que implique avances substanciais de cara á fin do conflito.

En paralelo, os Estados Unidos deron luz verde a acabar coa suspensión da axuda militar e de intelixencia a Ucraína, implementada despois do choque na Casa Branca entre o presidente Donald Trump e o seu homólogo ucraíno, Volodimir Zelenski.

Horas antes da xuntanza, tres persoas morreron na madrugada en Moscova, a capital rusa, despois dun ataque masivo con drones procedente de Ucraína, sinalaron as autoridades locais. O Ministerio de Defensa ruso explicou que derrubaron 337 drones en todo o país, 91 deles na contorna da cidade.

Sergei Sobianin, o alcalde da urbe, salientou que foi o ataque máis importante rexistrado contra a capital rusa, que obrigou a suspender durante varias horas as operacións dos aeroportos da zona. 

Mentres que os militares ucraínos aseguraron que o obxectivo eran instalacións estratéxicas “involucradas no apoio á agresión armada contra Ucraína”, o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, afirmou que “é importante destacar que o réxime de Kíiv ataca a infraestrutura social, edificios de vivendas”, á vez que as súas tropas “seguen golpeando obxectivos militares” ou relacionados co conflito. 

Tamén indicou que o ataque “pode causar danos notábeis á actual tendencia” de cara ás negociacións de paz.

Poucas horas despois do ataque, comezou en Jeddah (Arabia Saudita), unha reunión entre delegacións de Washington e Kíiv, encabezadas por Marco Rubio, secretario de Estado, e Andriy Yermak, asesor do líder ucraíno Volodimir Zelenski, respectivamente, para abordar a saída negociada ao conflito que está a forzar o país americano tras a volta á Casa Branca de Donald Trump.

Concesións das dúas partes

Antes da xuntanza, Rubio defendeu que Kíiv terá que “facer concesións” para alcanzar un cesamento do fogo, indicando que será “difícil” que recupere o territorio controlado por Rusia, que tamén terá que “facer cousas difíciles”.