Meloni fala por primeira vez sobre os ataques ao Irán: "Non estamos en guerra e non queremos entrar"

A pesar da súa afinidade ideolóxica co presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, a primeira ministra de Italia afirma que non autorizará a utilización das bases estadounidenses no seu territorio para “bombardeos”, mais si para operacións técnicas.

A primeira ministra de Italia, Giorgia Meloni, esta cuarta feira. (Foto:  Europa Press / Contacto / Ufficio Stampa Palazzo Chigi)
A primeira ministra de Italia, Giorgia Meloni, esta cuarta feira. (Foto: Europa Press / Contacto / Ufficio Stampa Palazzo Chigi)

A primeira ministra de Italia, Giorgia Meloni, afirmou esta quinta feira que Italia “non está na guerra e non quere entrar”, aínda que se abriu a mandar material militar ao país do golfo Pérsico “para garantir os interese italianos e europeos”.

“Quero reiterar que non estamos en guerra e non queremos entrar”, sinalou ao ser preguntada se o seu país permitiría que Estados Unidos opere nas bases estadounidenses en solo italiano para lanzar ataques contra Tehran, capital de Irán.

Neste senso, Meloni fixo referencia ao posicionamento do Estado español, o cal se negou á que Washington utilice as bases de Rota (Cádiz) e Morón (Sevilla) para os ataques en Oriente Medio, insistindo que hai “acordos bilaterais en pé” para regular o uso das instalacións e que levará ao Parlamento italiano a autorización para usar estas bases na operación militar estadounidense.

“Todos están atendendo ao que prevén os acordos bilaterais. A propia portavoz española declarou onte que existe un acordo bilateral e que, fóra dese acordo, non había ningún uso das bases españolas”, indicou, recalcando que “non se cuestiona o que estabelecen os acordos” e “iso vale para todos”.

Meloni informou que os convenios con Estados Unidos para o uso das bases en solo italiano remóntanse a 1954. “Segundo eses acordos existen autorizacións técnicas cando se trata de loxística e das chamadas operacións non cinéticas, é dicir, simplificando, operacións que non impliquen bombardeos”, sinalou. Esta opinión confronta coa súa próxima afinidade ideolóxica co presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, chegando a servir a italiana en varias ocasións de nexo entre Estados Unidos e a Unión Europea.

Con todo, declarou que Estados Unidos non pediu autorización para empregar as bases italianas e que “se chegaran solicitudes para utilizar as bases con outros fins”, a competencia corresponderíalle ao Goberno italiano, apuntando que ela se abrirá a que o Parlamento tamén se pronuncie. “Debería participar, deberíamos decidilo xuntos”, expuxo.  

Sobre a agresión de Estados Unidos e Israel a Irán, Meloni asegurou que, “ao igual que Reino Unido, Francia e Alemania”, Italia ten a intención de enviar axuda militar aos países do Golfo.

Comentarios