martes 26/10/21

Medra o traballo infantil no mundo por primeira vez en dúas décadas

A metade dos 160 millóns de crianzas que traballan ten menos de 11 anos.
mina_rdc_PatrickBrown-unicef
Varios meniños traballando na mina de ouro de Twangiza, na República Democrática do Congo (Foto: Patrick Brown / Unicef)

Mañá conmemórase o Día Mundial contra o Traballo Infantil e o simple feito de que esta data exista xa é un mal sinal. Os avances vividos pola humanidade nas últimas décadas debían inducir a pensar que se trata de algo residual, ou polo menos en decadencia. 

Nada máis lonxe da realidade, segundo recolle o informe presentado onte polo Fondo das Nacións Unidas para a Infancia (Unicef) e a Organización Internacional do Traballo (OIT). Por primeira vez en dúas décadas, o número de nenas e nenos postos a traballar incrementouse até alcanzar a cifra ─é unha cifra, números con nomes detrás─ de 160 millóns de menores en todo o mundo.

Desalentador pensando nese suposto progreso humano, tendo en conta que reverte a tendencia rexistrada entre 2000 e 2016, cando se rexistrou un descenso de até 94 millóns. É un espello tamén da situación económica en que viven moitas familias no mundo. Nese aspecto incidía onte a directora executiva de Unicef, Henrietta Fore, que pedía aos Gobernos mellores programas de protección social "que poidan axudar as familias a evitar tomar esta decisión no primeiro lugar".

Tamén facía un chamamento aos bancos de desenvolvemento internacional, aos que solicitaba "dar prioridade aos investimentos en programas que saquen as crianzas do mundo laboral e que as devolvan á escola". 

Outros dato que chama a atención no informe é o significativo aumento dos menores de ente 5 e 11 anos, que representan máis da metade das nenas e nenos que no mundo, no canto de estaren na escola, están a traballar. 

Ademais, desde 2016 tamén subiu en 6,5 millóns ─até 79 millóns─ o número de cativos en oficios perigosos para a súa saúde, para a súa seguridade ou para o seu benestar moral.

A Covid, agravante

Lonxe do optimismo, de pensar que se trata de algo conxuntural e que a tendencia volverá virar, a OIT e Unicef aseguran que se está a agravar e que vindeiros informes rexistrarán ese incremento en millóns. A culpábel, a Covid-19 e as súas consecuencias: crise económica e clausura de escolas, que fan que millóns de menores se viran expostos a traballaren máis horas e en peores condicións. 

"Inmersos xa nun segundo ano de confinamentos globais, de clausura de escolas, de interrupcións da economía e de orzamentos nacionais minguantes, as familias vense forzadas a tomar decisións dolorosas", sinalou Fore.

Os modelos de simulación elaborados pola OIT mostran que a finais de 2022 haberá outros nove millóns de nenas e nenos traballando. No peor dos casos presentados, sen que se facilite unha cobertura social básica, esta cifra aumentaría en 46 millóns.

"As novas estimacións son unha chamada de atención. Non podemos permanecer parados mentres unha nova xeración de nenas e nenos se pon en risco", afirmou o director xeral da OIT, Guy Ryder. "Estamos nun momento crucial e moito depende de como respondamos [...] para rachar co ciclo da pobreza e do traballo infantil", engadiu.

A OIT fundouse en 1919. Un dos seus principais obxectivos foi o de acabar co traballo infantil. En 1999 aprobouse o Convenio sobre a prohibición das peores formas de traballo infantil (o "Convenio 182"). Non foi até agosto do ano pasado que todos os 187 países membros da OIT o ratificaron

Un de cada tres menores de 14 anos que traballa non vai á escola

O informe presentado onte polas dúas axencias de Nacións Unidas reflicte outros datos interesantes. Por exemplo, que arredor de 70% do traballo infantil no mundo se dá na agricultura, seguido por 20% no sector servizos e 10% na industria. Tamén, que a maioría dos menores que traballan están escolarizados; porén, case 28% dos de entre 5 e 11 anos e 35% dos de entre 12 e 14 non o están.  

Ademais, o traballo infantil é un fenómeno máis habitual  entre os nenos que entre as nenas en calquera idade. Non obstante, equilíbrase cando se suman á conta 21 horas semanais de labores no fogar. 

Por rexións, salienta negativamente a África subsahariana, onde o crecemento da poboación nestes últimos catro anos, a pobreza extrema e a falta de programas de protección social empuxaron a traballar un 16,6 millóns de nenas e nenos máis. 

comentarios