O domingo (16 de marzo) Crimea decidirá através dunha consulta popular se finalmente se anexiona ou non a Rusia --territorio do que tomou parte até 1954 cando foi agasallada por Kruchev a Ucraína.
Perante unha inminente e máis que probábel independencia --as forzas pro-rusas son maioritarias en Crimea, os EUA e os demais países que compoñen a OTAN están a recrudecer as ameazas a Rusia, a quen tentan facer recuar coa adopción de sancións e mesmo represalias de se producir unha hipotética adhesión crimea. Pola súa banda, o executivo de Putin asegura non querer ir á guerra e chama ao diálogo mais, ao tempo, envía avións de combate a Bielorrusia e mobiliza o seu exército.
Avións de combate rusos para Bielorrusia
Até 6 cazas e 3 avións de transporte militar foron desprazados polo Ministerio de defensa ruso esta quinta feira á veciña Bielorrusia para desenvolver labores, entre outros, de espionaxe. Os últimos movementos rusos responderon ao chamado lanzado polo goberno bielorruso que instou o seu aliado militar a enviar avións para defender as fronteiras de ambos os dous países perante o achegamento de forzas da OTAN instaladas en Lituania, Letonia e Polonia --os tres integrantes do espazo territorial contralo pola organización euroatlántica.
"A escalada do conflito [ucraíno] xa está xunto as nosas fronteiras, xa atinxe os nosos intereses e non temos dereito a estar coma ratos asustados por unha escoba", sinalou o presidente bielorruso, Alexandr Lukashenko.
Chamada ao diálogo
Porén, malia a forte tensión militar na rexión, ambas as dúas partes, lideradas polos EUA e Rusia continúan apelando ao diálogo para resolver o conflito ucraíno. Neste senso, a xuntanza que terá lugar esta sexta feira en Londres visa procurar unha solución diplomática á crise aberta, nomeadamente por parte dunha Rusia que se mantén firma na defensa do dereito de Crimea a se autodeterminar.
Para o goberno ruso existe un "baleiro legal" que singulariza o caso crimeo doutros abertos no seo da comunidade internacional. E é que para Moscú a condición de non lexitimidade do goberno de Kiev --en mans agora das forzas da oposición-- ampararía a independencia dun territorio autónomo que, aliás, se sente ameazado polas ideas racistas e anti-rusas que aniñan no novo goberno.
Porén, desde Washington advirten que non recoñecerán o resultado da consulta e que adoptarán medidas serias se Rusia teima en amparar a secesión de Crimea. Sancións ás que tamén se suman a UE e a OCDE.