Mazón enrócase á fronte do País Valencià 229 mortes e 365 días despois

Vehículos atrapados en València, o 30 de outubro de 2024, e limpeza en Paiporta dous días despois. O presidente valenciano, Carlos Mazón, o 28 de outubro de 2025, e manifestación para exixir a súa dimisión o 25 de outubro do mesmo ano na capital territorial. (Foto: Rober Solsona / Jorge Gil / Europa Press)
As masivas manifestacións continúan exixindo que o líder do Goberno territorial do Partido Popular asuma a responsabilidade

Até 237 persoas, 229 no País Valencià, sete en Castela-A Mancha e unha en Andalucía, perderon a vida hai a cuarta feira un ano polas inundacións causadas por unha depresión illada en niveis altos (DINA). Os corpos de dúas delas, Elisabet Gil Martínez e Francisco Ruiz Martínez, aínda non foron atopados, nunha relación da que saíu a pasada semana Javier Vicent Fas, cuxos restos foron descubertos no leito do río Túria, no concello de Manises, próximo a València, a capital territorial.

Un ano despois aínda non se sabe con exactitude que fixo ao longo do día Carlos Mazón (Partido Popular, PP), presidente valenciano, que despois de minimizar as chuvias torrenciais pouco antes das inundacións estivo xantando durante arredor de catro horas coa xornalista Maribel Vilaplana, que admitiu que non lle trasladou “a gravidade do que estaba a suceder”.

Non marchou até hora e media despois do comezo, ás 17 horas, da reunión do Centro de Coordinación de Emerxencia (Cecopi), encargado de afrontar a crise. Con todo, segundo a última versión do seu equipo non chegou até as 20.28.

O Cecopi, liderado até entón por Salomé Pradas (PP), conselleira de Xustiza e Interior, non enviou unha mensaxe de alerta aos móbiles da poboación até as 20.11 horas.

Nese momento xa se produciran a maioría dos falecementos, constatou a investigación da xuíza Nuria Ruiz sobre a actuación da Generalitat Valenciana nesa xornada, que revelou que se terían salvado múltiples vidas de terse enviado con anterioridade.

Pradas, unha das imputadas, chegou a asegurar que a responsabilidade era dos técnicos e que non coñecía o sistema, mais unhas imaxes de RTVE confirmaron que ás 19 horas xa estaba dando indicacións sobre que escribir na mensaxe, enviada usando o sistema ES-Alert.

Non obstante, o testemuño a terza feira ante Ruíz de Inmaculada Piles, xefa da central telefónica do 112 da Generalitat, ratificou que ás 18.35 dese día un membro da Delegación do Goberno estatal no País Valencià pediulle que enviasen a mensaxe masiva de alerta á poboación, o que transmitiu a Jorge Suárez, subdirector de Emerxencias da Generalitat, que retrucou desde o Cecopi que “estamos a valoralo”.

Unha vez constatada a magnitude da traxedia, o PP e a Generalitat saíron en tromba a responsabilizar entidades dependentes do Executivo español como a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) por supostamente non ofrecer información adecuada das previsións do tempo ou da suba do caudal en varios ríos e ramblas (denominación no país de leitos secos onde flúe a auga no caso de chuvias torrenciais).

Porén, a información pública dispoñíbel levou a Universitat de València (UV) a decretar ás 11.29 da mañá o nivel tres de emerxencia (o día anterior xa impuxera o nivel 2), suspendendo toda a actividade presencial nos seus campus, o que Mazón cualificou de “exaxerado” nese momento. Após varios días advertindo do potencial da situación meteorolóxica, a Aemet activara a alerta laranxa o día 28, e fixo o propio coa vermella ás 7.36 horas do 29 de outubro.

"Neglixencia" e "incapacidade"

A cifra de decesos foi en “boa parte por causa da neglixencia do Goberno de Mazón”, sentenciou Vicent Partal, director do portal VilaWeb, que fixo fincapé nos reiterados cambios da versión oficial sobre que fixo esa xornada e no “burato de 37 minutos exactamente nos que non hai unha explicación clara”, en alusión ao tempo entre a chamada do líder local do PP ás 18.57 e a do responsábel de infraestruturas do Goberno ás 19.34. Polo medio Mazón non respondeu a como mínimo unha chamada de Pradas.

Logo dun ano, a “sensación maioritaria” na poboación do País Valencià é de “impotencia e desconexión” após “evidenciar” a traxedia “a incapacidade do Goberno de Mazón para xestionar emerxencias”, un “problema que persiste pola falta de vontade posterior, polos xiros de guión, polos cambios de relato e pola falta de asunción de responsabilidades”, indica a Nós Diario Idoia Arreaza, doutoranda en Ciencias Políticas pola UV.

Isto explica as enquisas que resolven que “80% da poboación valenciana non quere Mazón como president, e nese 80% necesariamente se inclúen votantes do PP”, debulla, lembrando que “as rúas de València continúan enchéndose cada mes para demandar a dimisión de Mazón”.

Sobre os danos materiais, Arreaza abunda en que “aínda hai concellos con infraestruturas pendentes e familias agardando axudas que non chegan ou que se converteron nun labirinto burocrático”, algo coherente con que o Gabinete priorizase “a imaxe antes que a reconstrución”, utilizando “os cartos para tapar miserias”. “Pero os cartos non agochan a sensación de abandono institucional”, sinala, describindo unha “resposta lenta” e “desigual”, na que “as axudas do Estado español tampouco chegaron ao 100% aínda”. En definitiva, “un ano despois arrástranse” problemas de “todo tipo en moitas comarcas”, acrecenta Partal. 

"Non se asumiu que o que valía hai 20 anos xa non vale"

No tocante á prevención para evitar que se repita unha situación similar, Idoia Arreaza asegura que “evidentemente” o país non está preparado, pois “as comarcas afectadas estanse a reconstruír, mais non readaptando”. Citando os Comités Locals d’Emergència i Reconstrucció e as asociacións de vítimas, resalta que “optouse por refacer o que había en lugar de repensar o modelo urbanístico e territorial”.

Nese punto, incide en que nin o Goberno de Mazón nin o Estado español “asumiron que o que valía hai 20 anos xa non vale”, e “continúa investíndose en reparar infraestruturas en lugar de adaptalas á nova realidade climática”, ignorando “unha visión territorial que incorpore criterios ecolóxicos, de planificación e de resiliencia” e sen contar cunha “estratexia de prevención”. "A resposta institucional é reactiva", láiase a politóloga.

Á vez, Vicent Partal desbota que Mazón sexa quen ten que liderar calquera esforzo neste e noutros ámbitos, pois non demostrou “o liderado que un presidente da Generalitat tería que ter” en momentos de crise, cunhas ausencias ese día que implican “que non lle deu a importancia debida ao que estaba pasando”, así como que non  se “tomou en serio unha situación catastrófica”.