Análise

O aviso da DINA: xestión de riscos e cambio de modelos

Fernando de Llano é profesor da UDC. Experto en economía da enerxía, planificación e seguridade enerxética.
Un home pasea dous cans nunha zona afectada pola DINA en Paiporta (València) o pasado 16 de novemebro. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)
Un home pasea dous cans nunha zona afectada pola DINA en Paiporta (València) o pasado 16 de novemebro. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)

A traxedia provocada pola DINA foi unha cruel chamada de atención: o cambio climático pode matar, e pode facelo aquí, non só en localizacións afastadas. Ademais, o persoal técnico e científico xa adiantou que as precipitacións van deixar de ter un ritmo máis ou menos predicible e continuado, e posiblemente se repitan eventos de precipitacións explosivas e sen un patrón fixo, alternándose períodos de seca, máis ou menos intensos. Sen dúbida este evento en Valencia supuxo un antes e un despois á hora de establecer como se debe actuar perante un aviso de evento meteorolóxico extremo e de especial virulencia.

Dende o punto de vista da xestión pública e das administracións, evidenciouse o risco que pode supoñer que a última decisión dependa dunha única persoa, se ademais esta persoa está ausente. Comprendeuse que o mellor en situacións de extrema perigosidade para a poboación sería que as decisións sexan tomadas polo conxunto dunha equipa de forma colexiada, aínda que falte un membro da mesma, teña o cargo ou rango que sexa.
Entendeuse a utilidade que pode supoñer o aviso directo e urxente vía móbiles á poboación para trasladarlles a información. E a importancia de que este aviso sexa "en tempo" e coa antelación suficiente.

Predicións e alertas

Púxose en valor a utilidade de axencias públicas como a Aemet e das confederacións hidrográficas, neste caso, que reportaban tanto predicións –a primeira–, como datos –as dúas– en tempo real do que ía pasando. Ademais da relevancia de que haxa persoal técnico avaliando o conxunto de toda a información dispoñible para tomar decisións que implican, como se ve, vida ou morte. É moi importante que valoremos o traballo das axencias especializadas como a Aemet, e que sexan públicas para estar á marxe de intereses privados, por canto achegan información crucial e de impacto real sobre a vida das persoas.

Cada comunidade local debe estar preparada e informada de como debe actuar ante situacións de risco na súa contorna

Entre as aprendizaxes para a poboación estarían a imprudencia que pode supoñer que desatendamos as prealertas da Aemet que recomendaban, neste caso, evitar desprazamentos e ficar nos domicilios.

Tamén fomos conscientes do risco que supón unha mala xestión da ordenación do territorio e de situar vivendas en localizacións que poden verse afectadas por acumulación de auga. Podémonos preguntar se debería haber unha asunción de responsabilidades pola perda de vidas humanas derivada da toma de decisións que posibilitou a construción de vivendas nesas localizacións.

Neste novo contexto púxose de manifesto, tamén, a importancia de dispoñer dun seguro contratado que cubra o risco de perda persoal ou económica. No caso de Valencia son máis de 150.000 solicitudes de compensación de danos, con máis de 48.000 vivendas, 90.000 vehículos, 9.000 comercios e almacéns e 2.700 industrias afectadas, xunto coas perdas para o campo. A valoración do conxunto de danos, segundo a cámara de compensación de seguros, ascende a case 480 millóns de euros.

Novo modelo

Dende o punto de vista económico, a Cámara de Comercio de Valencia acaba de sacar un informe no que cuantifican os danos económicos directos en 4.500 millóns de euros e un impacto na cifra de negocio provocado polo paro posterior de 90 millóns de euros. É doado agora pensar no concepto do custo de oportunidade: o custo que ten o non ter actuado antes para evitar estas perdas. Cal tería sido o custo de ter actuado previamente sobre o terreo para evitar este tipo de danos? Máis ou menos destes 4.500 millóns? E iso sen contar o valor incalculable da vida de máis de 200 persoas. En Galiza estamos afeitos a este tipo de reflexións despois da vaga de lumes forestais de cada ano. Por que non facemos un uso e coidado responsable dos terreos forestais?
A reflexión pode e debe levarnos cara á aprendizaxe. Como sociedade chegou o momento de incluír a análise e a xestión de riscos dentro da nosa formación transversal. Cada comunidade local debe estar preparada e informada de como debe actuar ante situacións de risco na súa contorna, e que medidas se poden aplicar a priori para minorar ou evitar o impacto dos eventos posibles que poden suceder. E facelo nun proceso de mellora, revisión e actualización continua dos protocolos a aplicar en casos de emerxencia.

Mais tamén debemos lembrar a importancia de camiñar cara a un novo modelo económico e social onde abandonemos o uso dos combustibles fósiles, principal causa do cambio climático. A electrificación da economía e o uso de enerxías renovables forma parte da solución. O custo de non actuar agora suporá unha hipoteca inasumible para a vida das nosas fillas e fillos. 

Comentarios