O Goberno de Mazón ocultou á xuíza un vídeo da reunión do Cecopi durante a DINA
Durante case un ano, o Goberno do Partido Popular (PP) no País Valencià, liderado por Carlos Mazón, ocultou que ten no seu poder un vídeo da reunión do Centro de Coordinación Operativa Integrado (Cecopi) do 29 de outubro de 2024, xornada na que faleceron 228 persoas no territorio por mor das inundacións a raíz dunha depresión illada en niveis altos (DINA), revelou a segunda feira o portal elDiario.es.
Este material, que non foi entregado á xuíza que investiga a xestión do Executivo territorial co fin de depurar responsabilidades, foi gravado por un camarógrafo dunha empresa contratada pola Agència Valenciana de Seguretat i Respostes a les Emergències, si foi remitido á Generalitat Valenciana, confirmou o medio.
Até o de agora só se coñecía a existencia dunha gravación de apenas un minuto de José Ángel Núñez, xefe de Climatoloxía da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), e outra da televisión autonómica, À Punt, que constatou que Salomé Pradas, conselleira de Justícia i Interior naquela altura e imputada na causa, deu instrucións sobre o envío da alerta masiva aos teléfonos da poboación das áreas afectadas, algo que negara durante a súa declaración diante da Xustiza, na que responsabilizou en exclusiva ao persoal de carácter técnico.
O ocorrido nesta xuntanza é un dos eixos principais da investigación xudicial, pois foi nela na que non se decidiu até que xa perderan a vida boa parte das vítimas enviar esa alerta.
Cambios de versión
Ademais, no medio dos sucesivos cambios de versión por parte do PP e Mazón, aínda non está claro nin a que hora chegou á reunión.
A xornalista coa que xantou ese día, Maribel Vilaplana, asegurou que a comida non rematou até unha hora e media despois como pouco do comezo da reunión do Cecopi.
