Mazón chegou dúas horas tarde á primeira reunión de emerxencia pola DINA

A xuntanza estaba convocada para as 17 horas da pasada terza feira, a pesar de que a Aemet activara a alerta vermella desde as nove da mañá. Mazón non chegou á reunión até perto das sete.
Carlos Mazón, presidente da Generalitat Valenciana, esta terza feira. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)
Carlos Mazón, presidente da Generalitat Valenciana, esta terza feira. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)

O presidente da Generalitat Valenciana, Carlos Mazón, chegou dúas horas tarde á reunión do Centro de Coordinación de Emerxencias (Cecopi) que se convocou a pasada terza feira por mor dos estragos que causaba a DINA ao País Valencià.

A xuntanza non empezou até as cinco da tarde, a pesar de que había alerta vermella por choiva torrencial e perigo de inundacións desde as nove da mañá. Pero Mazón non chegou até perto das sete, segundo a información publicada esta terza feira por El Confidencial, que cita fontes da Generalitat que aínda o xustifican porque o presidente “enviou a conselleira [de Xustiza e Interior, Salomé Pradas], o director xeral e outros responsábeis de emerxencias” e porque “ foi cando lle comunicaron que a Confederación Hidrográfica do Júcar avisara de que pasaban dos 1.700 metros cúbicos por segundo na rambla do Poio e despois de saber que había risco de rotura da presa da Forata”.

Pero non só había avisos de perigo extremo emitidos pola Axencia de Meteoroloxía española (Aemet) desde primeira hora, senón que ao mediodía a Confederación do Júcar xa informou da crecida dos caudais de ríos e torrentes, especialmente na rambla do Poio, cousa que fixo que o Centro de Coordinación de Emerxencias da Generalitat xa activase unha alerta hidrolóxica, porque se mantiñan as precipitacións nas partes altas dos ríos. Eran as 12.20 horas. Despois, o caudal diminuíu progresivamente, pero a alerta mantíñase vixente e a acumulación de litros por metro cadrado nas cabeceiras xa era histórica.

A reunión do Cecopi non se convocou até as cinco, e Mazón non asistiu até que o informaron de que o caudal da rambla do Poio multiplicaba por catro o caudal habitual do Ebro. Na reunión participaban a Generalitat, o Consorcio de Bombeiros de València, a Unidade Militar de Emerxencias, a Aemet, a delegación do Goberno español, a Confederación Hidrográfica do Júcar e a Policía española e a Garda Civil. E durante a reunión, segundo as fontes presenciais que cita o diario, os responsábeis “entraban e saían”, “non se tomaban decisións”, “Mazón non estaba”, e a conselleira Salomé Pradas, “moi insegura”, dicía de maneira reiterada “pero entón, que facemos?”.

Até tres horas despois do inicio da reunión non se tomou a decisión de enviar un aviso de emerxencia aos móbiles da poboación, ás 20.11 horas, que pedía: “Como medida preventiva tense que evitar calquera tipo de desprazamento á provincia de València.” Moita xente recibiuno coa auga ao pescozo, cando xa era demasiado tarde.

Comentarios