Ascenden a 26 os mortos, 9 deles nenos, polo bombardeo de Israel en Gaza

Tel Aviv abre a porta a que os ataques continuarán nos vindeiros días. Estados Unidos apoia o dereito de Israel “a se defender”.

 

Gaza Mahmoud Issa Quds Net News israel bombardeo
photo_camera O bonbardeo da forza aérea militar de Israel sobre Gaza deixa no mínimo 20 persoas mortas (Foto: Mahmoud Issa Quds Net News)

Xa son 26 as persoas, incluíndas 9 nenos, mortas na Franxa de Gaza durante un bombardeo desta segunda feira das forzas militares de Israel, segundo asegurou o ministerio de Sanidade de Gaza, territorio palestino gobernado polo movemento  Hamás.

Foi o bombardeo militar máis sanguento ordenado nestes anos por Tel Aviv contra a poboación civil, dentro da espiral de violencia e represión sobre os palestinos por parte de exército e forza de seguridade israelís que se saldan anualmente con ducias de mortos.

O ataque aéreo produciuse logo de que desde Gaza lanzasen proxectís cara a Xerusalén, onde foi evacuada a sede do Parlamento de Israel mentres soaban as sirenas.

Unha acción, que deixou 6 persoas feridas, e que foi a xustificación dada por Israel para bombardear Gaza e que EUA valida ao afirmar que ese ataque fai parte do dereito de Israel "a se defender".

O ataque militar chega no marco do que está a acontecer e Xerusalén desde a pasada semana. Na pasada sexta feira, ao termo do rezo vespertino semanal en Al Aqsa, as ducias de miles de fieis que acudiran á celebración relixiosa mantivéronse na ampla praza onde está situado o templo ─terceiro lugar santo no Islam─, co fin de se manifestaren contra o inminente desaloxo de familias palestinas do barrio de Sheikh Jarrah, en Xerusalén Leste. 

As protestas foron gañando en intensidade e centos de axentes antidisturbios israelís, nunha decisión atípica, entraron á explanada para responder con granadas de atordamento e pelotas de goma ao lanzamento de pedras, zapatos e outros proxectís improvisados, informou a TV árabe Al Jazeera.

Após tres noites seguidas de violencia, sta segunda feirs regresaron os choques, especialmente duros pola efeméride no calendario sionista: o Día de Xerusalén, que conmemora a captura da simbólica cidade na guerra árabe-israelí de 1967. O saldo, máis de 300 palestinos feridos.

Porén, o peor viría á noite, co bombardeo militar israelí e a vintena de civís mortos en Gaza.

Israel, porén, limitouse a dicir que matara 3 militantes palestinos. "Comezamos, e repito comezamos, atacar obxectivos militares en Gaza", dixo o portavoz das forzas israelís, tenente coronel Jonathan  Conricus. Unha frase coa que indica que nos vindeiros días haberá novos ataques e ‘represalias’ comtra os territorios palestinos.

A Fiscalía do Tribunal Penal Internacional (TPI) anunciaba en marzo a apertura dunha investigación polos supostos crimes cometidos nos Territorios Palestinos. A Autoridade Palestina (ANP) recorreu ao TPI para que determinase se Israel cometeu crimes de guerra. A Fiscalía xa considerara nunha primeira avaliación que había indicios para abrir unha investigación formal. Porén, non foi até o 5 de febreiro cando A Haia ─sen entrar a valorar as acusacións─ aclarou as dúbidas en materia de competencia.

A Fiscalía, agora xa coas garantías sobre xurisdición do TPI, confirmou o inicio dunha investigación sobre os supostos abusos cometidos desde xuño de 2014, logo de cinco anos de pescudas preliminares. 

Comentarios