Marlaska asegura que descoñecía a denuncia por agresión sexual contra o xefe da Policía e que dimitirá se llo pide a vítima
O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, asegurou no Congreso que dimitirá se a vítima que denunciou unha presunta agresión sexual contra o exdirector adxunto operativo da Policía Nacional considera que non estivo protexida polo Ministerio.
O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, asegurou este 18 de febreiro que dimitirá se a vítima que denunciou unha agresión sexual contra o director adxunto operativo (DAO) da Policía Nacional, José Ángel González, asegura que non se sentiu protexida ou entende que el, como ministro, lle fallou. “Da única persoa da que poderei aceptar calquera crítica é da propia vítima. Se a propia vítima non se sentiu protexida ou entendeu que este ministro lle fallou nalgún sentido, evidentemente eu si que renunciarei e dimitirei”, sinalou Marlaska na sesión de control ao Goberno no Congreso dos Deputados.
O ministro pronunciouse desta forma nunha bronca sesión na que deputados do PP pediron reiteradamente a súa dimisión a berros e golpeando nos seus escanos, ao que respondeu a bancada socialista cun longo aplauso en sinal de apoio ao titular de Interior. En concreto, o PP acusou a Marlaska de coñecer a denuncia da vítima da presunta agresión sexual do ‘número dous’ da Policía Nacional e de encubrilo, algo que o ministro negou de maneira categórica, chegando a ameazar con querelarse por calumnias contra quen sosteña que protexeu o DAO.
“Até aquí chegamos, vostede non pode seguir nin un minuto máis”, expuxo a deputada do PP Miriam Guardiola, que aproveitou a súa pregunta na sesión de control para cargar con dureza contra Marlaska. “Ten que dimitir hoxe porque vostede permitiu que un presunto violador estivese á fronte da Policía Nacional; o seu amigo, a súa man dereita, o seu brazo executor, un acosador”, engadiu.
Á súa chegada ao Congreso e ante as preguntas da prensa, Marlaska defendeu que non tivo coñecemento da denuncia até o día anterior pola tarde, lembrando que así o manifestou o avogado da vítima e que tampouco ningún sindicato policial tiña constancia dos feitos.
“Ao mínimo coñecemento dunha circunstancia desta gravidade, teríase pedido a renuncia e o cesamento inmediato, como se fixo onte”, afirmou Marlaska, defendendo que actuaron con contundencia e que tamén se abriu expediente e se apartou outro comisario asesor do exdirector adxunto operativo, Óscar San Juan González, por participar nas presións contra a denunciante. “Agora é o momento da xustiza e tamén de todo o respaldo, evidentemente, á vítima”, sostivo o ministro.
A denuncia relata que a vítima recibiu varias chamadas intimidatorias e que unha delas se produciu en xullo de 2025, tres meses despois da presunta agresión, cando ía incorporarse ao seu novo posto de traballo na Subdirección Xeral de Recursos Humanos. Segundo o relato, comunicou á súa responsábel que non se atopaba en condicións de traballar por problemas de saúde mental, momento no que foi posta a disposición do equipo de apoio psicosocial, iniciándose a tramitación da súa baixa e a retirada da arma. Na súa réplica ao PP, Marlaska insistiu na contundencia coa que actuaron tras coñecer os feitos. A oposición recriminoulle ter prolongado a xubilación de José Ángel González en 2024 mediante un real decreto de medidas urxentes vinculado á dana de Valencia.
Os populares criticaron esta confianza no DAO cando agora se coñece que é “un presunto violador dunha subordinada nunha vivenda do seu ministerio”. Guardiola cualificou ao ministro de “cobarde” e “mesquiño” e relacionou este caso con outros escándalos que afectan a dirixentes socialistas. Marlaska respondeu lembrando un caso de acoso denunciado por unha exconcelleira do PP en Móstoles. Ademais, reiterou que coñeceu a denuncia contra o DAO o día anterior e subliñou a gravidade dos feitos, que motivaron a esixencia inmediata da súa renuncia.

