Unha ex edil de Móstoles querélase contra o alcade e contra o PP por acoso sexual e laboral
O avogado da ex edil do Partido Popular de Móstoles (Madrid) que demandou durante meses ao seu partido investigar o presunto acoso que sufría por parte do alcalde, Manuel Bautista, vén de formalizar ante o Tribunal de Instancia do municipio unha querela contra o rexedor, e contra o PP estatal, pola presunta comisión de delitos de acoso sexual, acoso laboral, delito contra a integridade moral, lesións, coaccións e revelación de segredos.
O caso destapouno hai dúas semanas o diario El País, cando publicou que a ex concelleira denunciara internamente no seu partido o presunto acoso sexual e laboral por parte do alcalde, sen recibir amparo. Bautista defendeu a súa inocencia e asegurou que o relato "non se corresponde coa realidade".
En rolda de prensa, o secretario xeral do PP de Madrid, Alfonso Serrano, anunciou daquela que estudarían accións legais contra a ex edil de Móstoles por actuar de "mala fe" e "prefabricar probas" contra o partido por unha "vendeta persoal". En canto á causa, o letrado Antonio Suárez-Valdés explica que se trata dun procedemento "de alta complexidade técnica ao producirse unha parte dos feitos na intimidade da vítima e do seu presunto acosador e ao ser borrados os correos electrónicos oficiais da vítima".
A querela susténtase "nun nutrido soporte probatorio", co que se pretenderá acreditar "a existencia, primeiro, da presunta solicitude de favores de tipo sexual á vítima por parte do querelado". Segundo o letrado, este "pretendía ter unha relación de tipo persoal" e, ante o rexeitamento da edil, desenvolveu "un presunto patrón sistemático de fustrigación e abuso de superioridade xerárquica, co presunto obxectivo de illar e invisibilizar profesionalmente" a agora denunciante, que pide que declaren 11 persoas como testemuñas, entre elas a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso.
O "fracaso" dos mecanismos internos do partido
Por outra parte, denúnciase ademais "a omisión primeiro e o fracaso despois dos mecanismos internos de protección da vítima e a ausencia de resposta institucional por parte do Partido Popular", o que obrigou a ex edil "a buscar amparo directo na vía penal, que tentou evitar inicialmente".
"O silencio e a falta de resposta das persoas xurídicas ante o abuso de poder constitúe, en si mesmo, unha forma de revitimización", sinala o avogado, que agrega que "a ausencia de adecuada implantación dos protocolos de protección fronte ao acoso por parte desas persoas xurídicas pode xerar a súa responsabilidade penal directa polos feitos acaecidos no seo das súas organizacións", segundo tipifica o Código Penal.
O letrado sinala que "agora finalmente os feitos foron postos en coñecemento do xulgado xunto co ramo probatorio e é o momento de que fale a xustiza". "O noso compromiso é garantir que este proceso se desenvolva co máximo rigor xurídico", asevera.