Marcelo Rebelo de Sousa parte como favorito

Portugal prepárase para as eleccións presidenciais

Os comicios están previstos para o mes de xaneiro pero as forzas políticas e os candidatos independentes procuran os apoios necesarios para poder concorrer.
EuropaPress_2725175_18_march_2020_portugal_lisbon_portuguese_president_marcelo_rebelo_sousa_is
photo_camera Marcelo Rebelo de Sousa, nunha intervención na televisión, en marzo de 2020. (Foto: Pedro Fiuza / Europa Press)

As eleccións á Presidencia da República centran a atención política en Portugal. Malia que os comicios están previstos para o mes de xaneiro, e aínda fica moito tempo por diante, as diversas forzas políticas, así como os candidatos independentes, tentan sumar os apoios necesarios para poder concorrer ao proceso. Segundo a lexislación portuguesa, os aspirantes deben reunir máis de 7.500 sinaturas un mes antes de que teñan lugar as eleccións para poder presentarse, requisito que pode invalidar as opcións dalgunhas das persoas que teñen anunciado o seu interese en participar.

O principal favorito na carreira electoral, Marcelo Rebelo de Sousa, aínda non formalizou a súa proposta, mais outras nove persoas si anunciaron a súa intención de presentarse como candidatos. Na corrente da dereita, atópanse André Ventura, Gonzalo de Cámara Pereira, Bruno Fiallo, Orlando Cruz e Tiago Maian, aos que sumará Rebelo de Sousa, actual presidente da República e ao que a totalidade de sondaxes sitúan como vencedor claro. Neste sentido, as enquisas sinalan que non vai precisar acudir á segunda volta, xa que a lexislación portuguesa fixa este procedemento no caso de non conseguir na primeira votación máis de 50% dos votos.

Os candidatos da esquerda proceden das tres principais expresións partidarias dese espectro, coa excepción de Vitorino Silva. Así, do ámbito do Partido Socialista xorden as candidaturas de Carla Bastos e Ana Gomes, antiga deputada no Parlamento Europeo por esta formación e persoa con máis apoios na organización. Marisa Matias volve repetir como alternativa do Bloco de Esquerdas, coalición que xoga forte, ao botar man dunha das dirixentes máis recoñecidas e dunha das súas grandes referencias sociais pola súa longa actividade institucional. O Partido Comunista Portugués aposta por Joao Ferreira, membro do Comité Central do partido, concelleiro en Lisboa, deputado en Estrasburgo e un dos novos valores da organización.

O interese que espertan estes comicios na sociedade portuguesa non se corresponde coas competencias reais do cargo. Neste sentido, ao presidente da República compétenlle , segundo a constitución portuguesa, as funcións propias da xefatura do Estado, sendo a maior parte delas de representación, malia estarlle recoñecida a potestade de disolver a Cámara lexislativa. Rebelo de Sousa conta actualmente cunha popularidade inédita en Portugal pola súa proximidade, até o punto de que a esquerdista Marisa Matías e a socialista Ana Gomes veñen de valorar de maneira positiva a súa xestión.

Comentarios