Medio millón de persoas saen á rúa en Israel contra o Goberno de Netanyahu

Un grupo de mulleres protestou en Xerusalén empregando as vestimentas da famosa serie 'O Conto da Criada' (Foto: Saeed Qaq / Sopa Images Via Zuma P / DPA).
O líder da oposición, Yair Lapid, acusa o Executivo israelita de oprimir as mulleres e de facer unha matanza selectiva contra a poboación palestina. Tres novos palestinos foron abatidos este domingo polas forzas israelitas. 

Por décima semana consecutiva, centos de miles de persoas saíron este sábado ás rúas en Israel nunha nova protesta masiva contra o plan de reforma xudicial do Goberno israelita, que busca diminuír o poder do sistema xudicial, informa Haaretz.

De acordo co medio, trátase da maior protesta da historia de Israel: os organizadores afirman que até 500.000 partidarios da democracia participaron nas manifestacións, 250.000 deles na cidade de Tel Aviv.

As manifestacións prodúcense en rexeitamento á reforma proposta en xaneiro pola coalición sionista-relixiosa de Benjamin Netanyahu. O proxecto inclúe outorgar ao Goberno israelita unha influencia decisiva na selección de xuíces e limita o alcance da Corte Suprema para derrogar leis ou resolver en contra do Executivo.

O ex primeiro ministro e líder da oposición, Yair Lapid, dirixiuse ás actuais autoridades gobernamentais ante unha multitude de máis de 8.000 persoas na cidade de Beerseba, ao sur do Estado, acusándoas de tentar "esmagar a democracia israelita".

"O feito de que gañasen as eleccións por 0,5% de votos non significa que agora poidan excluír ás mulleres dos altos cargos, dicirnos o que podemos e non podemos comer durante a Pésaj [unha importante festividade xudía] e levar a cabo unha matanza selectiva nunha aldea palestina", expresou o ex mandatario.

Neste sentido, polo menos tres palestinos foron abatidos na madrugada deste domingo no oeste de Nablús, en Cisxordania.  O Exército, que non sufriu ningunha baixa polos feitos acontecidos, acusou os falecidos de ir armados.

Lapid subliñou que Israel "enfróntase á maior crise da súa historia". "Unha onda de terrorismo golpéanos, a nosa economía afúndese, o diñeiro foxe do Estado. Irán acaba de asinar un novo acordo con Arabia Saudita. Mais o único que lle importa a este Goberno é esmagar a democracia israelí", dixo.

Mentres tanto, o ex xefe do Estado Maior das Forzas de Defensa de Israel (FDI), Dan Halutz, afirma que a crise obrigará ás forzas de seguridade a elixir bando, "decidir a quen obedecen: ao Tribunal ou ao Goberno".

"Gustaríame esperar, e crer, que elixirán o lado correcto... O período non son as ameazas externas, senón aqueles de nós mesmos que perderon todo control. A bomba nuclear non está en Irán, senón na rúa Azza, número 35 [residencia privada do presidente Netanyahu en Xerusalén]", expresou.