Máis de 70 congresistas piden a Biden que considere ilegais os asentamentos

Representantes da póla esquerda do Partido Demócrata reclaman a Joe Biden que revogue a política na rexión de Donald Trump, considerando ilegais os asentamentos israelís.
Manifestación a favor de Palestina hai dúas semanas en Londres. (Foto: Tayfun Salci / ZUMA Wire / dpa)
photo_camera Manifestación a favor de Palestina hai dúas semanas en Londres. (Foto: Tayfun Salci / ZUMA Wire / dpa)

Máis de 70 congresistas do Partido Demócrata dos Estados Unidos remitiron a cuarta feira unha carta a Joe Biden, presidente dos EUA, na que reclaman que o Goberno federal abandone o denominado plan de paz que impulsara durante a súa administración Donald Trump, segundo se fixo público esta sexta feira

No texto, que foi publicado no xornal israelí Jerusalem Post, os representantes lexislativos demócratas piden ademais ao Executivo que encabeza Biden que declare como ilegais os asentamentos de Israel no territorio palestino ocupado.

Inconsistente co Dereito Internacional

Malia o devalo de territorio de Palestina desde os acordos de Oslo, hai máis dun cuarto de século, os congresistas piden volver “á tradicional política de Estados Unidos en apoio as dúas partes”, polo que instan o presidente dos EUA a considerar “como inconsistente co Dereito Internacional” a continúa expansión de asentamentos fomentada por Israel para dividir e fragmentar o territorio que aínda ocupan as palestinas e palestinos, co obxectivo de impedir a formación dun Estado que as integre.

Nesta liña, reclaman que desde os EUA se exprese unha “contundente oposición á expulsión forzada, a través do despexe, das familias palestinas”, algo que alén da situación das familias que aínda resisten no barrio de Sheikh Jarrah de Xerusalén, salienta a carta que afecta ao “territorio palestino na súa totalidade”.

Outra das reivindicacións feitas na misiva e que desde o departamento de Estado se retome o costume de referirse a Gaza e Cisxordania como territorios ocupados, así como reabrir a oficina consular de Xerusalén destinada a atender as persoas de Palestina, e que foi fechada por decisión de Trump en 2019.

Asemade, faise un chamamento a insistir na vía diplomática, xa que defenden que o conflito non ten solución militar.

Caucus progresista

A carta está asinada por integrantes do chamado caucus progresista, a pola esquerda do Partido Demócrata, e onde participa a nova onda de líderes que destacan no Congreso dos EUA, como Alexandria Ocasio-Cortez, Rashida Tlaib ou Ilhan Omar.

Comentarios