Máis de 14 millóns de persoas fuxiron pola guerra das súas casas no Sudán, arredor un terzo da poboación

3,1 millóns están en países veciños
Área afectada por un ataque a un mercado de Khartún. (Foto: Volunteer Group South Kharto / Europa Press / Contacto)
Área afectada por un ataque a un mercado de Khartún. (Foto: Volunteer Group South Kharto / Europa Press / Contacto)

A guerra civil que estoupou en abril do pasado ano no Sudán entre as Forzas Armadas e os paramilitares das Forzas de Apoio Rápido xa causou que máis de 14 millóns de persoas, o que supón case un terzo da poboación, tiveran que fuxir dos seus fogares pola violencia. Delas, 11 millóns convertéronse en desprazadas internas e 3,1 millóns en refuxiadas ao entrar nos países veciños, desvelou a terza feira Amy Pope, directora xeral da Organización Internacional para as Migracións (OIM).

“Francamente, a metade da poboación precisa axuda agora”, insistiu Pope, describindo que non teñen acceso a auga potábel, asistencia sanitaria ou aloxamento, desencadeando a propagación de doenzas. Segundo un informe da Organización das Nacións Unidas (ONU) máis da metade da poboación, case 25 millóns de persoas, precisa axuda humanitaria.

O Proxecto de datos sobre eventos e localización de conflitos armados estima que máis de 24.000 persoas morreron froito do enfrontamento bélico, no que se constataron violacións masivas dos dereitos humanos, con énfase na violencia sexual.

Comentarios