A luz que guía os insectos cara á extinción

A "apocalipse" entomolóxica, como todo neste planeta interconectado, suporía non só a extinción de millóns de especies senón tamén un risco para a vida no seu conxunto. A isto está a axudar a contaminación luminosa, facilmente evitábel, que tamén é outro factor nunha ameaza máis presente nestes días: o agromar de novas pandemias.
pexels-frans-van-heerden-767132 (2)
photo_camera O escaravello peloteiro oriéntase a través das estrelas, que a contaminación luminosa lle impide ver (Frans Van Heerden / Pexels)

"Para nós, a contaminación luminosa é unha mágoa xa que non nos deixa ver as estrelas pola noite, mais para un escaravello é literalmente cuestión de vida ou morte", sinalaba Brett Seymoure, o autor sénior da máis exhaustiva análise a nivel global sobre a diminución de insectos no mundo. 

Moitos animais usan os corpos celestes para se orientaren; tamén o escaravello peloteiro, segundo descubriron en 2013 investigadores da Universidade de Witwatersrand, en Suráfrica, que se ve confundido polas luces artificiais nocturnas. 

Numerosos estudos alertan de que a poboación de insectos está a descender rapidamente: a súa ausencia tería consecuencias devastadoras para a vida na Terra. O informe de Seymoure et alii, publicado no número de abril de 2019 da revista Biological Conservation, corrobórao e sostén que as luces artificiais nocturnas ─en combinación coa destrución do hábitat, a contaminación química, as especies invasoras e o cambio climático─ están a provocar unha "apocalipse" entomolóxica.

Os vagalumes, caracterizados pola capacidade de emanaren luz durante o cortexo, son outra das especies máis directamente afectadas pola contaminación luminosa. Mais hai moitas máis. Dos millóns de especies de insectos que existen no planeta, algunhas aínda descoñecidas, polo menos a metade son nocturnas.  

Insectos e pandemias

Desde unha perspectiva de vista antropocéntrica, o exemplo práctico da gravidade do asunto é a actual crise sanitaria global. A destrución de hábitats incrementa o risco de pandemias, coinciden os expertos. As especies reservorios naturais de virus que provocan enfermidades zoonóticas, como os morcegos ou as ratas, tiran proveito da extinción dos seus depredadores consecuencia da deforestación.

Mais tamén progresan grazas a facilidade para cazaren insectos: tanto ratas como morcegos concéntranse habitualmente arredor dos puntos de iluminación artificial para se alimentaren de insectos como as avelaíñas, que confunden a luz dos focos coa luz da lúa e fican alí atrapadas.

A destrución do hábitat, a contaminación química, as especies invasoras e o cambio climático son graves problemas que requiren de solucións complexas en comparación coa contaminación luminosa, apuntaba o equipo de ecoloxistas do comportamento na Biological Conservation. Apagar luces innecesarias e usar pantallas adecuadas para atenuar a intensidade "permitiría reducir enormemente a perda de insectos de forma inmediata".

Normativa alemá

Neste sentido, o Goberno xermano está a estudar a prohibición de certos tipos de iluminación nocturna durante dez meses ao ano co fin de loitar contra a grave diminución da entomofauna rexistrada no país. Calcúlase que só a atracción das luces dos vehículos provoca en Alemala a morte de 100.000 millóns de insectos cada verán. Non será esta, evidentemente, a iluminación vetada, mais si as trampas luminosas para hexápodos ou outros artefactos como os canóns de luz.

O proxecto de lei en que traballa o Ministerio do Ambiente, Protección da Natureza e  Seguridade Nuclear sinala que "os insectos xogan un importante rol no ecosistema, mais en Alemaña o seu número e a súa diversidade reducíronse severamente nos anos recentes". O departamento que dirixe Svenja Schulze, do Partido Socialdemócrata (SPD), quere presentar en outubro a norma, que inclúe tamén unha serie de exixencias para a instalación das lámpadas de alumeado público.

As reformas normativas propostas, que se enmarcan no ambicioso plan do Executivo alemán de protección de insectos presentado en setembro do ano pasado, inclúen a protección dos muros de pedra solta como hábitats naturais dos insectos. 

Tamén un maior control do emprego de pesticidas e insecticidas. O seu uso, que afecta principalmente os insectos polinizadores, estará prohibido en parques naturais e en distancias inferiores a entre cinco e dez metros de acuíferos. Neste sentido, o Tribunal de Contas da UE criticou nun recente informe as medidas adoptadas no ámbito comunitario para reverter o seu declive tanto en número como en diversidade.  

En Alemaña, o seguinte obxectivo das asociacións ambientalistas é que a ministra de Agricultura, Julia Klöckner, da Unión Demócrata Cristiana (CDU), cumpra coa promesa de eliminar o uso do glifosato, un herbicida que mata calquera tipo de planta, para 2023.

O activismo ambiental en Alemaña, o mellor e maior aliado da entomofauna en anos recentes

A loita contra o declive dos insectos en Alemaña intensificouse durante os últimos anos. As organizacións ambientais e ecoloxistas neste país contan cun grande e histórico apoio popular, que recentemente forzou autoridades públicas e compañías privadas a modificaren diversas políticas e plans empresariais previstos. 

Por exemplo, en abril do ano pasado o Goberno de Baviera recibiu unha petición popular asinada por 1.750.000 persoas solicitando mellores medidas para a protección das abellas. O presidente deste land, Markus Söder, da Unión Social Cristiá (CSU), aprobou inmediatamente unha lei neste sentido, saltándose mesmo o paso previo da consulta en referendo que as organizacións ambientalistas exixían en principio. 

Tamén, a comezos deste ano 2020, a presión popular fixo que a empresa estadounidense Tesla, que dirixe Elon Musk, adiase a construción da súa nova "xigafábrica" ás aforas de Berlín até non seren recolocadas varias colonias de formigas.

Comentarios