Londres rectifica sobre Irlanda do Norte e facilita a negociación das relacións coa UE

Pode interpretar como un primeiro xesto de Boris Johnson cara á UE nunha semana decisiva na negociación do marco das relacións pos-Brexit.
brexit_8dec2020
photo_camera Os representantes británico e comunitario, Gove e Sefcovic (Foto: Michael Gove / Twitter)

O vicepresidente da Comisión Europea encargado de supervisar o cumprimento do acordo do Brexit, Maros Sefcovic, e o 'número dous' do Goberno británico, Michael Gove, fecharon hoxe en Bruxelas un "principio de acordo" sobre as condicións de aplicación do pacto a partir do próximo 1 de xaneiro, que na práctica supón que Londres retirará da súa polémica lei de Mercado Interior as cláusulas deseñadas para incumprir o acordo de divorcio.

"Encantado de anunciar que, grazas ao duro traballo, Michael Gove e eu alcanzamos un principio de acordo sobre todos os asuntos relacionados coa aplicación do Tratado de Retirada. Iso asegurará a súa plena operatividade desde o 1 de xaneiro, incluído o Protocolo sobre Irlanda e Irlanda do Norte", anunciou Sefcovic a través de Twitter.

Máis tarde, nunha conferencia de prensa tras participar nun Consello de ministros de Asuntos Xerais da UE, Sefcovic confiou en que este entendemento sirva para dar "un pulo positivo" ás negociacións que se producen en paralelo para un acordo de asociación e comercial que rexa as relacións entre o bloque e o Reino Unido tras a ruptura.

Sefcovic dixo que os negociadores están "moi lonxe" aínda dun acordo sobre o futuro, mais destacou que o consenso desta terza feira para que Londres retire as cláusulas controvertidas e se fixen as disposicións de aplicación do Tratado de Retirada supón, na práctica, "retirar un grande obstáculo do camiño".

De maneira similar expresouse o ministro de Exteriores irlandés, Simon Coveney, quen celebrou o paso "moi importante" que supón este anuncio e confiou en que sexa sinal de que o Goberno británico está "coa actitude de facer acordos" e sexa posíbel lograr un pacto comercial "nos próximos días".

Parlamento británico

Xa na segunda feira, tras unha primeira xornada de negociación en Bruxelas entre o vicepresidente comunitario e Gove, o Goberno británico avanzara a súa disposición a retirar as cláusulas máis controvertidas da lei de Mercado Interior, que afectaban o Protocolo sobre Irlanda e que a Comisión Europea interpretou como violacións do Dereito internacional e denunciou ante o Tribunal de Xustiza da UE.

Gove, que tamén celebrou o entendemento cunha mensaxe nas redes sociais, precisou que hoxe acudirá ao Parlamento británico para informar dos detalles do acordo, que se pode interpretar como un primeiro xesto de Boris Johnson cara á UE nunha semana decisiva na negociación do marco das relacións pos-Brexit.

Comentarios