Líderes mundiais reaccionan aos aranceis anunciados por Donald Trump: cualifícanos de "erróneos" e chaman á negociación

Advirten das consecuencias económicas a pequena e grande escala da guerra comercial declarada polo presidente dos Estados Unidos.
A presidenta da Comusión Europea, Ursula von der Leyen, respondeu ao anuncio de Trump desde Usbequistan. (Foto: EBS LIVE)
A presidenta da Comusión Europea, Ursula von der Leyen, respondeu ao anuncio de Trump desde Usbequistan. (Foto: EBS LIVE)

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, afirmou esta quinta feira que os novos aranceis anunciados pola Casa Branca para a maioría dos seus socios comerciais, que afectan nun 20% ao bloque europeo, son "un duro golpe para a economía mundial", no marco da guerra comercial aberta pola Administración de Donald Trump para aplicar a súa axenda proteccionista.

"O anuncio de Trump sobre aranceis universais para todo o mundo, incluída a UE, supón un duro golpe para a economía mundial. Lamento profundamente esta decisión", declarou durante unha conferencia de prensa que realizou esta madrugada desde Samarcanda, Usbequistán, onde se atopa de viaxe oficial para participar no primeiro cume bilateral entre a Unión Europea e a rexión de Asia Central.

Von der Leyen pediu "pasar da confrontación á negociación", mentres que defendeu o labor do comisario de Comercio, Maros Sefcovic, que "mantén un diálogo permanente cos seus homólogos estadounidenses". "Traballaremos para reducir as barreiras, non para aumentalas", dixo tras considerar que "existe unha alternativa" e que "non é demasiado tarde para abordar as preocupacións mediante negociacións".

A UE prepara contramedidas

Durante a súa intervención, aclarou "as inmensas consecuencias" das medidas arancelarias da Administración Trump, aseverando que "a economía mundial sufrirá enormemente, a incerteza dispararase e desencadeará un maior proteccionismo" e "as consecuencias serán nefastas para millóns de persoas en todo o mundo, incluídos os países máis vulnerábeis que están suxeitos a algúns dos aranceis máis altos".

"Sentiranse de inmediato. Millóns de cidadáns enfrontaranse a facturas de supermercado máis altas. Os medicamentos custarán máis, do mesmo xeito que o transporte. A inflación aumentará. E isto prexudica especialmente aos cidadáns máis vulnerábeis. Todas as empresas, grandes e pequenas, sufrirán desde o primeiro día. Desde unha maior incerteza até a interrupción das cadeas de subministración e unha burocracia tediosa", declarou.

A xefa do Executivo comunitario dixo que "non hai solución clara á complexidade" que se está a crear na medida que todos os socios comerciais dos EUA ven afectados e malia coincidir en que "o sistema comercial global ten graves deficiencias" aseverou que "recorrer aos aranceis como primeira e última ferramenta" non resolverá a situación.

Neste sentido, Von der Leyen sinalou que os Vinte e sete están "preparados para responder" e explicou que están "a ultimar un primeiro paquete de contramedidas en resposta aos aranceis ao aceiro" e que están a preparar "novas contramedidas para protexer" os intereses no caso de que "as negociacións fracasen". "Tamén estaremos moi atentos aos posíbeis efectos indirectos destes aranceis", engadiu.

Pola súa parte, o Goberno de China instou esta quinta os Estados Unidos a cancelar "de inmediato" os novos aranceis anunciados pola Casa Branca e a resolver "adecuadamente" as diferenzas cos seus socios comerciais a través de "un diálogo equitativo", co fin de evitar unha escalada na guerra comercial.

China responde

O Ministerio de Comercio chinés indicou que "se opón firmemente" aos aranceis recíprocos por parte dos Estados Unidos e asegurou que "tomará contramedidas para salvagardar os seus propios dereitos e intereses". "Nunha guerra comercial, ninguén sae gañando e o proteccionismo non ten saída", manifestou un portavoz da carteira ministerial a través dun comunicado.

"A historia demostrou que o aumento de aranceis non pode resolver os propios problemas dos Estados Unidos. Non só prexudica os seus propios intereses, senón que tamén pon en perigo o desenvolvemento económico mundial e a estabilidade da cadea de subministracións", sinalou, despois de asegurar que a práctica estadounidense "ignora o equilibrio de intereses alcanzado nas negociacións comerciais multilaterais ao longo dos anos".

Neste sentido, o portavoz aseverou que, ademais, Washington debe ter en conta que "se beneficiou enormemente do comercio internacional durante moito tempo". Mentres tanto, "estabeleceu os chamados 'aranceis recíprocos' baseándose en avaliacións subxectivas e unilaterais, o cal é imcompatíbel coas normas do comercio internacional e prexudica gravemente os dereitos e intereses lexítimos das partes implicadas".

"Trátase dunha práctica típica de intimidación unilateral. Neste sentido, moitos socios comerciais han expresado a súa firme insatisfacción e a súa clara oposición", concluíron as autoridades chinesas, sobre as que recaen uns aranceis de 34%.

Os do 10%

O primeiro ministro de Reino Unido, Keir Starmer, afirmou os aranceis anunciados polos EUA terán "claramente" un impacto económico, aínda que apostou por responder "con calma" á decisión do presidente Donald Trump, que anunciou a taxa mínima de 10% para os produtos importados do Reino Unido.

Pola súa parte, o presidente de Colombia, Gustavo Petro, cualificou de "gran erro" os aranceis anunciados por Trump, e polos que os produtos deste e dun gran número de países en Latinoamérica, entre os que se inclúe Brasil, Perú, Chile e mesmo a aliada Arxentina de Javier Milei, enfrontarán a partir deste 5 de abril tamén o gravame mínimo de 10% para entrar en territorio estadounidense.

Desde o Canadá, o primeiro ministro, Mark Carney, destacou que a Administración de Trump preservase "a relación comercial" entre ambos os países ao excluílo dos aranceis globais anunciados esta cuarta, aínda que lembrou que seguen vixentes os gravames ao aceiro e ao aluminio, entre outros produtos, polo que asegurou que responderá con "contramedidas".

Comentarios