O líder da CDU descarta calquera pacto coa ultradereita alemá

A ultradereitista AfD experimentou unha lixeira repunta nos últimos meses.

Friedrich Merz, líder da Unión Demócrata Cristiá (CDU). (Foto: Michael Matthey / Dpa)
photo_camera Friedrich Merz, líder da Unión Demócrata Cristiá (CDU). (Foto: Michael Matthey / Dpa)

O líder da alemá Unión Democrática Cristiá (CDU), Friedrich Merz, descartou de maneira categórica calquera pacto posíbel coa ultradereitista Alternativa para Alemaña (AfD), á que as sondaxes conceden agora unha lixeira repunta após unha tendencia á baixa durante os últimos anos.

“Mentres sexa líder da CDU, non haberá ningún traballo conxunto con este partido. É xenófobo e antisemita, non temos nada que ver con esta xente”, sentenciou Merz en declaracións á cadea ZDF.

Merz, escollido a finais de 2021 como líder da que agora é a principal formación de oposición en Alemaña, atribuíu o crecemento da AfD nas sondaxes á debilidade da actual coalición de Goberno, encabezada polo Partido Socialdemócrata (SPD).

“Se tivésemos un Goberno que funcionase ben en termos prácticos e políticos, a AfD non estaría en 18%”, sinalou.

Pola súa parte, o chanceler alemán, Olaf Scholz, vinculou o potencial crecemento electoral da AfD á tendencia noutros Estados, onde tamén melloraron datos os “partidos o mal humor” nun contexto de incerteza como a Covid-19, a guerra en Ucraína e o cambio climático.

Comentarios