Negociacións EUA-Rusia: Os ministros de Exteriores tratarán a paz en Ucraína mentres a UE aínda non sabe que facer
Kíiv asegura que non recoñecerá ningún acordo.
O ministro de Asuntos Exteriores ruso, Sergei Lavrov, e o secretario de Estado estadounidense, Marco Rubio, encabezarán as conversas a terza feira entre ambos os dous países en Riad, a capital de Arabia Saudita, centradas en “restaurar todo o complexo das relacións ruso-estadounidenses” e na “preparación de posíbeis negociacións para un arranxo en Ucraína”, así como dunha reunión entre os seus líderes, Vladimir Putin por parte de Moscova e Donald Trump polo de Washington, explicou a segunda feira Dmitri Peskov, voceiro do Kremlin.
Despois da tentativa da Unión Europea (UE) de formar parte das conversas, o que os Estados Unidos excluíron, Lavrov apuntou que “non sei que farían na mesa de negociación”, inquirindo “para que convidalos” se “van sentar co obxectivo de continuar a guerra”.
Asemade, no marco da negociación, rexeitou que nas conversas se aborde unha posíbel cesión a Ucraína do arredor de 20% do seu territorio internacionalmente recoñecido que controla Rusia, ironizando coas condicións nas que iso podería pasar, se sería “con rusos, sen rusos, sen persoas, ou con terras raras”, en referencia á exixencia de Washington a Kíiv de que pague con estes minerais as armas e a axuda remitida polos Estados Unidos durante a guerra.
A pasada semana, o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, rexeitou asinar un acordo ao respecto, criticando que non incluíra garantías de seguridade para o país. No que atinxe á xuntanza en Riad, Zelenski subliñou que “non podemos recoñecer ningún acordo sobre nós sen nós”, e admitiu que “Ucraína non sabía nada ao respecto” desas conversas.
Ao tempo, no Elisio, o mandatario francés, Emmanuel Macron, reuniu as xefas e xefes de Goberno de Alemaña, Dinamarca, o Estado español, Italia, o Reino Unido, os Países Baixos e Polonia, canda a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, o do Consello Europeo, António Costa, e o secretario xeral da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), Mark Rutte.
Funcionarios franceses adiantaron á axencia AP que non prevían ningún anuncio máis alá dunha mostra de unidade logo de tratarse a nova realidade nas relacións con Washington, que despois se debaterá a nivel do bloque comunitario, aínda impactado polo anuncio do país americano de que non se responsabilizará no futuro da seguridade dos membros europeos da OTAN –a maioría tamén membros da UE– para concentrarse na China.
Após a negativa de Washington a enviar as súas tropas a Ucraína nunha hipotética misión de paz, vetando tamén que as que se despracen estean asociadas coa OTAN, o Reino Unido comunicou a súa disposición a facelo, e non o descartaron Suecia, Bélxica ou os Países Baixos, e si Polonia.
Tamén rexeitou esa opción Eslovaquia, cuxo primeiro ministro, o progresista Robert Fico, censurou a participación de Costa e von der Leyen na xuntanza en París, debullando que a UE “non ten que ver” co posíbel envío de militares, posto que é unha decisión de cada Estado ou da Organización das Nacións Unidas (ONU).
Á vez, Péter Szijjártó, titular de Exteriores do Gabinete ultradereitista húngaro, recriminou que a París asistiron “aqueles que nos últimos tres anos non deixaron de botar leña ao fogo da guerra en Ucraína”, e Natasa Pirc Musar, presidenta eslovena, cuestionou que a lista selectiva de líderes convidados ao encontro en Francia amosa que non todos os membros da UE son
tratados por igual.