JxCAT preséntase como a "única garantía" dun goberno independentista en Catalunya

A vicepresidenta do partido Elsa Artadi pide un cambio de estratexia para negociar co Executivo do Estado español.
Elsa Artadi, de JxCat. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Elsa Artadi, de JxCat. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

JxCat está convencida de que é a única alternativa nas eleccións do 14 de febreiro en Catalunya para que haxa un Govern independentista. Así o destacou a vicepresidenta do partido e candidata na lista, Elsa Artadi, que nunha entrevista concedida a Europa Press resaltou que é a “única garantía de que seguro” esta opción política poderá gobernar no territorio. 

“Eu só imaxino un goberno independentista”, continua Artadi, que opina que despois de todo o que se fixo nos últimos tres anos non pode chegar un resultado que deixe a un lado esta meta. “Non imaxinamos que en 2021, de repente e maxicamente, podamos dicir ao independentismo que decidimos que o proxecto compartido, tantos anos loitado e con tantos avances logrados, o abandonamos”, remarca. 

Interrogada sobre un posíbel pacto a tres bandas entre ERC-PSC-comuns, Artadi opina que o exemplo está en Barcelona. Neste sentido, reprobou que os comuns se abstiveran de votar o asunto da lei de amnistía no Parlament. 

Na súa opinión, elixiron pórse “de perfil en todo, non só co independentismo e a represión”. En contraposición sinalou que ten que haber unha posición clara cando o documento chegue ao Congreso sobre mediados de marzo. 

Respecto a posibilidade de que a CUP entre nun próximo Govern, a representante de JxCAT opina que preferiría ver antes o seu proxecto porque coñecen “diferentes versións” desta formación. 

Conversas con Madrid

Artadi tamén analiza a “cenoria dos indultos, sen ningún tipo de decencia nin pudor” da que fala o equipo de Pedro Sánchez ante a proximidade dos comicios. De feito, lembra que a Fiscalía retirou o terceiro grado ás presas e presos do 1-O.

“Pasará algo antes das eleccións? Non, claro que non; nin agora nin tampouco pasou nada antes nin despois dos Orzamentos Xerais do Estado: Si que pasou: houbo máis represión”, comenta, invitando ao independentismo a mudar a súa estratexia se quere negociar co Goberno do Estado español. 

“Non podemos explicar que pasa en Catalunya nin forzar a que realmente haxa unha negociación se a todo se lle di si ao Goberno estatal sen ningunha contrapartida”, resume. 

Comentarios