sábado 19/06/21

Juan Carlos I ofreceu a Clinton o apoio de España á intervención militar de EUA en Colombia

Segundo un documento  desclasificado do Departamento de Estado norteamericano, o monarca español transmitiu en febreiro de 2000 ao Goberno de EUA que buscaría fondos para axudar a financiar o denominado 'Plan Colombia'.

Os reis eméritos, Juan Carlos e Sofía, cos monarcas actuais, Felipe e Letizia. (Foto: Europa Press)
Os reis eméritos, Juan Carlos e Sofía, cos monarcas actuais, Felipe e Letizia. (Foto: Europa Press)

O 'Plan Colombia', que se executou entre os anos 2000 e 2016, contou nos seus inicios co respaldo do rei Juan Carlos I e do entón presidente José María Aznar, segundo publica Público nunha reportaxe.

Baixo o pretexto da "loita contra o narcotráfico", os Gobernos de Bill Clinton e do entón ex presidente colombiano Andrés Pastrana idearon  o "Plan Colombia", baixo o que se executou unha estratexia militar continuada no tempo que permitiu a soldados estadounidenses participar en operacións militares, pero sobre todo traduciuse nunha axuda económica próxima a 10.000 millóns de dólares para a guerra contra as guerrillas cun gran impacto na poboación civil.

O Goberno do PP, co auspicio da Casa Real, contribuíu a financiar esa operación.

De acordo a un documento  desclasificado do Departamento de Estado de EUA obtido por Público, o 'Plan Colombia' estivo sobre a mesa durante a reunión oficial que Juan Carlos I mantivo con Clinton o 23 de febreiro de 2000, durante a súa visita á Casa Branca. O rei levaba unha mensaxe clara: o Estado español xa estaba en marcha para buscar fondos que axudasen á intervención estadounidense en chan colombiano.

"En América Latina podemos ser útiles, mesmo entre bastidores. Coñecemos ben á xente, temos os mesmos antecedentes. Podemos limpar asperezas", afirmou Juan Carlos I durante ese encontro.

Tras aquela promesa do rei, o Goberno de Aznar achegou 100 millóns de dólares.

"O plan inicialmente estaba ideado como unha iniciativa contra o narcotráfico, aínda que en realidade serviu para dar ás á denominada "loita contra o terrorismo", sobre todo tras os atentados do 11 de setembro de 2001".

"Esa fórmula de cooperación entre  Bogotá e Washington derivou en graves violacións aos dereitos humanos, moi especialmente nos anos sucesivos, cando George  W. Bush sucedeu a Clinton e Álvaro  Uribe a Pastrana. Bush e  Uribe sacaron todo o partido posible ao Plan Colombia. Entre 2001 e 2016, EEUU destinou 10 mil millóns de dólares a programas militares no territorio colombiano, á vez que creou un grupo de traballo bilateral entre as Forzas Armadas de ambos os países e impulsou a creación de batallóns " antinarcóticos".

comentarios