A resposta da caverna contra Alemaña

Jiménez Losantos fala de cervexarías a estourar en Baviera e a policía de Munich toma nota

Se hai algún especimen xornalístico que simboliza a caverna española ese é Jiménez Losantos. Editor de LIbertad Digital e xornalista franquicia da cadea EsRadio, lanzou un desaforado ataque contra Alemaña após o tribunal de Schleswig-Holstein exonerar Puigdemont do delito de rebelión.

FJS
photo_camera Jiménez Losantos

A caverna sentiu a chamada da selva perante a desautorización realizada pola xustiza alemá de todo o proceso inquisitorial que contra Puigdemont lidera o Tribunal Supremo español. Mais ninguén chegou máis lonxe que Jiménez Losantos.

O editor de Libertad Digital, un dos libelos máis reaccionarios da rede, atacou por igual Alemaña e Rajoy, ao que ten no ponto de mira desde hai xa ben tempo por o considerar pusilánime e, no fondo, pouco español.

"Un miserábel, un fastidioso e racista xuíz alemán ofende todos os españois, considera que non temos dereito ao noso estado, búrlase do noso ordenamento xurídico e sae o covarde da Moncloa a dicer que confía na xustiza", afirmou no seu editorial radiofónico de todas as mañás.

Mais non ficou aí e a seguir internouse en territorios moi á beira da apoloxía do terrorismo: "Que Alemaña -que é un país partido pola metade- saiba que España non vai perdoar. Dirán vostés: ui, o rato ao gato...! Pois o rato ao gato pode facerlle toda clase de falcatruadas. Toda clase de falcatruadas! En Baleares todas! En Baleares hai como 200.000 alemáns de reféns. En Baviera, ben, en Baviera poden comezar a estourar cervexarías. Ah, pero vosté que propón? Unha acción? [pergúntase a si mesmo, retórico] Naturalmente". 

Como cabía agardar, as palabras de Jiménez Losanto comezaron a rular polas redes até o ponto de que a propia policía muniquesa, alertada por internautas cataláns, utilizou a rede para, após agradecer a información, indicar que xa tiñan coñecimento das soflamas do director de Libertad Digital.

 

Comentarios